Ourense Provincia

O Psoe empraza a Xunta a crear unha praza adicional de matrona no Carballiño

A deputada Marina Ortega denuncia a precariedade dos servizos sanitarios da comarca carballiñesa e pide que se executen melloras urxentes á Consellería de Sanidade.

Óscar Gómez

Ourense | 29.03.2023 11:18

O Psoe empraza a Xunta a crear unha praza adicional de matrona no Carballiño | onda cero

A deputada do Grupo Socialista, Marina Ortega rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento para esixirlle á Xunta a necesidade de habilitar unha praza adicional de matrona no centro de saúde do Carballiño. Ao mesmo tempo, pide incrementar o número de días á semana de atención xinecolóxica e pediatría no servizo de urxencias.

A parlamentaria lembra que “fai un ano aprobouse por unanimidade” a iniciativa presentada por Ortega a ampliación do centro de saúde a través dun novo espazo onde se debera adaptar a oferta de cobertura sanitaria para un dos núcleos máis poboados da provincia despois da cidade de Ourense.

Ortega destaca que as mulleres que deciden ser nais na devandita comarca están desatendidas e séntense desprotexidas. Actualmente, O Carballiño conta só cunha praza de matrona, cun día á semana de xinecoloxía e con dúas pediatras só de mañá cunha previsible xubilación a curto prazo. Ademais, non existe pediatría polas tardes nin no servizo de urxencias.

Sinala que “a sanidade é un dos servizos prioritarios e condicionantes” para o “benestar e asentamento” da poboación. Tendo en conta que Ourense é a provincia con “peores datos demográficos” a parlamentaria socialista resalta que o goberno galego debe exercer políticas que garantan servizos coma a sanidade pública.

A deputada aludiu a que Galicia conta cun número de matronas “significativamente menor que a media estatal” tratándose, polo tanto, dunha carencia que o goberno galego debe corrixir para garantir a seguridade das mulleres embarazadas e os seus bebés, así como a atención á saúde sexual e reprodutiva das mesmas.

Dende a Asociación Galega de Matronas alertan do momento de gran dificultade para a contratación de matronas debido ás frecuentes e próximas xubilacións, tamén polos anos nos que non houbo formación de matronas (1986-1994) e polas pésimas condicións laborais que se lles ofrece a través do SERGAS. Por iso, emprazan aumentar a acreditación de novas prazas EIR de matrona, para que nos vindeiros anos poda solventarse este problema xeracional.