Os socialistas critican o desembolso interesado de cartos públicos por parte do alcalde de Ourense. “A falta do cómputo definitivo de todos os gastos do entroido, facilitados polo goberno municipal á oposición, reafirmamos as nosas denuncias en canto ao desorbitado uso electoral de fondos públicos por parte de Jácome”, indica a portavoz do grupo do PSdeG, Natalia González Benéitez.
“Cada día está máis claro que a política de pan e circo do rexedor para intentar mercar votos e se facer autobombo está a repercutir no maior desmantelamento social e económico do Concello de Ourense de toda a súa historia”, engade logo de coñecerse que o executivo local non ten previsión de continuar coas actividades de conciliación nos centros cívicos.
Nesta liña, a tamén sercretaria xeral do partido na cidade sinala que o engano á cidadanía e o despilfarro do diñeiro de todos e todas “en función das prioridades electorais de Jácome levan pasando factura a Ourense dende fai case 5 anos”.
Así mesmo, indica que, “a medida que se incrementa o gasto en orquestras e asesores” do executivo de DO, “redúcense axudas sociais, recortanse servizos de conciliación, precarizanse cada dia máis os aqueles de carácter esencial, péchanse dotacións municipais e crece a hipoteca do Concello mentres a cidade languidece”.