O Psoe denuncia que o PP "non chega ou chega tarde" para recuperar as zonas queimadas
Dacosta reclama un informe específico de danos e unha liña extraordinaria de financiamento para restaurar a superficie afectada polos incendios e as borrascas.
Dacosta, alertou de que a Xunta “chega tarde ou directamente non chega” para recuperar as zonas queimadas de Ourense. A responsable socialista afeoulle hoxe ao PP que votara en contra da proposición non de Lei que presentou na Comisión de Agricultura para reclamarlle ao goberno galego que garanta a restauración completa das zonas afectadas primeiro polos incendios e polo tren de borrascas do inverno.
Dacosta criticou que a piques de comezar a temporada de alto risco, o goberno galego continúa “sen unha avaliación pública, rigorosa e detallada dos danos” dos incendios do pasado verán na provincia, e polo tanto sen un Plan concreto de actuación. Criticou que a Xunta se centra no “mínimo imprescindible”, actuando onde resulta máis doado, como os montes conveniados e de xestión directa, pero deixando á marxe o monte veciñal non conveniado e aos pequenos propietarios.
Criticou que o goberno galego estea a demostrar que “no está á altura” e que están deixando a provincia “a medio recuperar”, polo que esixe un informe específico de danos e unha liña extraordinaria de financiamento para as comunidades de montes da provincia. Ademais, urxe a retirar a madeira caída antes do verán, así como a reparación urxente das infraestruturas forestais e unha mesa técnica de seguimento que inclúa a concellos e comunidades de montes.
A parlamentaria socialista explicou que de acordo coa Lei de Montes o Estado ten que executar obras de emerxencia e as comunidades autónomas son as responsables de definir, complementar e garantir a restauración completa. Por iso, sinala que, mentres o Estado xa ten executado 9,5 millóns de euros para restaurar montes queimados, a Xunta “segue sen explicar que vai facer coa súa parte”, quedándose nunha actuación “parcial, limitada e claramente insuficiente”.
Explicou que a provincia afronta a nova temporada de incendios sen unha prevención real, por parte do goberno galego, polo que carece de pistas transitables nin puntos de auga operativos, e a madeira caída logo dos temporais continúa acumulando carga de combustible. Alertou fronte ás graves consecuencias da falla de xestión do goberno galego, que “chega tarde unha e outra vez, na prevención, na planificación e agora tamén na restauración”.
Dacosta presentou esta proposta logo dos incendios de 2025, que queimaron máis de 170.000 hectáreas en toda Galicia, segundo o sistema Copernicus, cunha especial incidencia en Ourense, que dende o ano 2016 veu arder o 27 por cento da súa superficie total e o 35 por cento da superficie forestal pola falla dunha xestión preventiva eficaz imputable á Xunta de Galicia. Criticou que a Xunta responda “mirando para outro lado” e esixiu “compromiso, recursos e actuación inmediata”.