Concello de Ourense

O Psoe denuncia a complicidade do PP ante o "peche encuberto" do Museo Municipal

“O cambio de localización non é máis que outra escusa do rexedor para baleirar o Museo Municipal de contido e convertelo nun espazo morto” aseguran dende o grupo municipal socialista.

Óscar Gómez

Ourense | 09.09.2021 08:04

O Psoe denuncia a complicidade do PP ante o "peche encuberto" do Museo Municipal | Onda Cero

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a actitude “cómplice e covarde” do Partido Popular ante o “peche encuberto” do Museo Municipal por parte de Gonzalo Pérez Jácome, logo de que o alcalde anunciara publicamente a súa intención de trasladar a totalidade da programación expositiva á Sala Valente, “relegando o emblemático edificio da rúa Lepanto a unha simple sede administrativa”.

“O cambio de localización non é máis que outra escusa do rexedor para baleirar o Museo Municipal de contido e convertelo nun espazo morto” aseguran dende o grupo municipal socialista, ao tempo que apuntan á responsabilidade do PP, que “lle entregou nun pacto vergoñento a cultura a Jácome sabendo que a exterminaría”.

Neste sentido, aféanlle aos populares que levaran unha moción ao pleno municipal do mes de xaneiro para impedir o peche do museo, cando aínda estaban na oposición, mentres que “agora que teñen responsabilidades de goberno, miran cara a outro lado”.

Lembran ademais que, naquela iniciativa, os populares solicitaban que se ampliase o Museo Municipal ao edificio anexo co obxectivo de potenciar a súa actividade e que o goberno local se comprometese a realizar, polo menos, unha gran exposición ao ano. “Onde quedaron esas intencións, agora que realmente poden pór freo aos ataques e abusos do alcalde?”, inquiren.

“Logo de intentar clausurar e privatizar o Museo Municipal, o alcalde opta por transformar un espazo cultural nunha dependencia burocrática sen contido, como xa tentou facer coa Sala Valente”, un movemento que non chegou a consumar grazas á mediación do PSdeG-PSOE de Ourense, conclúen.