O Psoe denuncia o "caos de falta de previsión" do microgoberno de Jácome
Os socialistas critican a entrada en vigor da chamada ‘Cidade 30’ sen a posta en marcha dunha campaña de concienciación cidadá, sen a adaptación exhaustiva das vías e sen coordinación coa Policía Local
O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o “caos e falta de previsión” do microgoberno de Jácome na implantación da chamada ‘Cidade 30’ e urxe a convocatoria da comisión do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), para poder levar a cabo “unha humanización real da cidade”.
Os socialistas critican que a entrada en vigor dos novos límites de velocidade prodúcese sen a posta en marcha dunha campaña para concienciar a cidadanía sobre as modificacións no regulamento de circulación por parte do Concello; sen unha adaptación exhaustiva de todas as vías e sen que exista unha coordinación axeitada coa Policía Local para garantir o cumprimento da nova normativa.
“A implantación da Cidade 30 contaba dende hai meses con informes favorables da Policía Local e o goberno local tivo a oportunidade de ir avanzando para non chegar ao día da súa posta en marcha cos deberes a medio facer”, aseguran os socialistas.
Ademais, aféanlle a Jácome que anunciara “a bombo e platillo” a creación dun carril bici ao que agora renuncia “baixo a escusa da Cidade 30”, e critican que o rexedor empregue exclusivamente políticas punitivas “con intención recadadora” a través da colocación masiva de radares “no canto de promover a educación vial dende o Concello”.
Deste xeito, dende o grupo municipal socialista consideran que a convocatoria do PMUS, así como a reactivación da Comisión Técnica, é “máis necesaria que nunca” para acadar obxectivos clave como reducir a sinistralidade, promover a peonalización e lograr unha cidade segura e conectada.
“Un ano e medio despois da aprobación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Ourense, o rexedor e o seu equipo teñen máis que demostrado que carecen de ambición política para levalo a cabo e que a súa única pretensión en materia de mobilidade é “encher Ourense de mamotretos mecánicos sen contar cunha visión estratéxica de cara ao desenvolvemento urbano da cidade”, destacan.
Neste sentido, os socialistas aseguran que o Plan de Mobilidade Vertical atópase “paralizado” despois de dous anos, ante a falta de informes de viabilidade e custos de mantemento que “o alcalde pretende obter a través de empresas externas, saltándose os técnicos municipais”.
Así mesmo, lembran que xa denunciaron no seu día o “despilfarro” de preto de 500 000 € por parte do Concello en proxectos e estudos de mobilidade vertical “sen garantía de que se puidesen levar a cabo” a través da “adxudicación deliberada” da redacción de estudos xeotécnicos baixo a figura do contrato menor. Ademais, destacan que, segundo estimacións municipais, só o mantemento dos elementos mecánicos previstos no treito que vai dende a rúa Progreso ata o Auditorio Municipal “podería ascender a catro millóns de euros ao ano”, un importe “equivalente ao contemplado no orzamento anual do Concello para investimentos”.
“Dende o PSdeG-PSOE rexeitamos as afirmacións de Jácome sobre a nosa oposición á instalación de elementos de mobilidade vertical. É rotundamente falso”, poñen de manifesto os socialistas. “Nós rexeitamos todas aquelas actuacións que non sexan financeiramente sostibles ou tecnicamente viables, que non conten con informes técnicos municipais que avalen a súa necesidade e idoneidade, e que non teñan en conta os futuros gastos de mantemento, xa que non podemos permitirnos hipotecar a cidade polo capricho do alcalde”, conclúen.