Ourense Cidade

O Psoe denuncia o abandono do patrimonio documental de Ourense por parte do Concello

Os socialistas advirten de que “a memoria de Ourense está en perigo” e anuncian que levarán unha moción ao vindeiro pleno municipal para reivindicar a súa inmediata posta en valor

Óscar Gómez

Ourense | 06.04.2021 08:17

O Psoe denuncia o abandono do patrimonio documental de Ourense por parte do Concello | onda cero

O PSdeG-PSOE denuncia o “deplorable estado de abandono” do patrimonio documental de Ourense por parte do microgoberno de Jácome e anuncia que levará unha moción ao vindeiro pleno municipal para esixir ao Concello a dignificación e posta en valor urxente do Arquivo Municipal da cidade, cuxas dependencias sofren “innumerables carencias materiais e falta de persoal”.

Neste sentido, os socialistas alertan de que as instalacións do arquivo están completamente “invisibilizadas”, ao atopárense inscritas nun Centro Cívico sen ningún tipo de sinalización nin identificación, e “desfasadas”, posto que os escasos recursos materiais cos que contan están obsoletos. Ademais, subliñan que as dependencias son “deficientes” –existen buracos no teito, a orientación do edificio é incorrecta e non existe adaptación á mobilidade reducida– e “insuficientes” no que atinxe a recursos humanos –o servizo conta cun único funcionario para atender un inabarcable volume de traballo–.

Así o puxo de relevo a concelleira Rosa Martínez, quen resaltou que o arquivo “nin tan sequera aparece na páxina web do Concello”, constando unicamente na da Rede de Arquivos da Xunta “cun erro no código postal”. Martínez fixo fincapé na necesidade de suplir, de xeito urxente, algunhas das máis alarmantes eivas materiais, como “a ausencia de medidores actualizados ou de ordenadores para os investigadores”. Así mesmo, a concelleira subliñou que “os deshumidificadores están obsoletos, os extintores non están sinalizados, hai caixas de electricidade á vista, as portas non están homologadas e a alarma non están conectada á Policía Local”, entre outras moitas deficiencias como “a existencia de fungos en volumes documentais históricos”.

Dende o grupo municipal socialista denuncian que “os graves déficits das instalacións atentan contra a conservación da memoria de Ourense” e advirten que o espazo do arquivo será insuficiente no curto prazo para albergar o volume documental do arquivo.

Así o manifestou o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, quen tachou o arquivo de “museo”, ao tempo que lamentou que “a memoria de Ourense está en perigo” polo “abandono total do Concello”. “Se non se fai nada, o resto de dependencias municipais corren o risco de non ter onde depositar a súa información e saturar os seus servizos”, puntualizou.

“É inconcibible que o Arquivo Municipal de Ourense teña un único empregado que traballa detrás dunha porta de metal cunha pegatina feita cun folio” censurou Villarino, quen criticou que un Concello “capital de provincia” non teña dixitalizado o seu propio patrimonio documental.

Neste sentido, os socialistas esixirán a posta en marcha urxente de accións para a dignificación das instalacións existentes e instarán ao executivo local a procurar espazos alternativos para evitar o “bloqueo” dos arquivos de xestión municipal. Así mesmo, solicitarán a inmediata cobertura das carencias de persoal e a aprobación dunha ordenanza que regule o correcto funcionamento do servizo.

Finalmente, os socialistas fan un chamamento a aqueles colectivos afíns –docentes, investigadores, arquiveiros, estudantes e usuarios en xeral– que desexen reivindicar a conservación da memoria histórica de Ourense. “Animamos a todas aquelas persoas interesadas na recuperación e posta en valor do noso patrimonio documental e histórico a que apoien esta iniciativa e nos fagan chegar as súas achegas”, manifestan dende o grupo municipal socialista.