Ourense Cidade

O Psoe demanda que o concello poña en marcha un plan conta os xabarís

Reclaman a identificación de roteiros, a roza das leiras do perímetro rural, o control dos puntos de depósito e recollida de residuos orgánicos e a colaboración con outras administracións.

Óscar Gómez

Ourense | 02.03.2023 09:07

O Psoe demanda que o concello poña en marcha un plan conta os xabarís | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense levará ao pleno deste venres unha iniciativa para esixir que o Goberno local poña en marcha un plan de choque urxente contra a “avalancha de xabarís” na cidade, contando coa colaboración da Xunta de Galicia no ámbito das súas competencias. Para as e os socialistas é fundamental e perentorio que o executivo local poña solución á presenza incontrolada e cada vez máis frecuente de poboacións de súidos en todo o concello, e especialmente naqueles barrios máis afectados como son O Vinteún, A Ponte ou Covadonga.

“O goberno municipal de Ourense non pode poñerse de perfil ante este gravísimo problema”, denuncia o edil Wilson Jones, quen salienta que “ata o de agora non se adoptou ningunha medida dende a administración local para loitar contra esta praga de xabarís que nos últimos meses está a xerar unha auténtica alarma social entre as veciñas e veciños de moitos barrios, especialmente o de Covadonga, onde estas poboacións salvaxes están a sementar o pánico”.

Así o asegurou o concelleiro socialista tras unha reunión coa Asociación de Veciños do barrio de Covadonga na que deron a coñecer esta iniciativa e tomaron nota doutras demandas; un encontro ao que tamén asistiron o candidato socialista á Alcadía de Ourense, Paco Rodríguez, a deputada no Parlamento autonómico, Carmen R. Dacosta, a voceira do grupo municipal na cidade, Natalia González e o edil Borja Trigás.

Dende o grupo socialista aseguran que, malia que a Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, asume competencias en materia de políticas de control da fauna salvaxe no territorio autonómico, tamén os concellos poden pór en marcha políticas contra a presenza masiva de xabarís na cidade.

As medidas que reclaman os socialistas a través da moción son a identificación dos roteiros polos que transitan estes animais para detectar os puntos de acceso á cidade; o control da efectiva limpeza e roza das leiras do perímetro rural para evitar que os xabarís se asenten nestes terreos; o control dos puntos de depósito e recollida de residuos orgánicos para evitar que as familias de xabarís teñan neles un lugar de fácil obtención de comida; e por último, acordos co resto de administracións públicas con competencias na materia para establecer un plan de actuacións conxuntas que eviten a proliferación destes súidos na contorna urbana.

“A superpoboación destes animais salvaxes e o seu gran crecemento xera graves problemas para a cidadanía, tanto de seguridade coma de saúde”, sinala o edil Jones. Entre estes problemas, o socialista destaca os ataques de xabarís, os accidentes de tráfico, a propagación de enfermidades ou as desfeitas en espazos públicos verdes da cidade e das zonas periurbanas.

As e os socialistas sinalan que “entre as múltiples e variadas causas que inflúen nesta presenza incontrolada de súidos na nosa cidade están a desaparición dos seus depredadores naturais, a falta de limpeza dos perímetros rurais e a modificación dos seus hábitats ou a facilidade para obter alimento nos residuos das cidades”, polo que demandan “unha solución integral, urxente e coordinada por parte do Concello e da Xunta de Galicia para abordar un problema de saúde e seguridade pública inaprazable”.