O Psoe critica a política destructiva de Jácome
Acusan a Jácome de “torpedear de forma obsesiva e indiscriminada” a OMIC “para invisibilizala e finalmente liquidala” no canto de potenciala e dotala dunha sede permanente e de referencia.
O PSdeG-PSOE de Ourense condena de forma enérxica o desmantelamento e supresión da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) por parte do goberno local encabezado por Gonzalo Pérez Jácome, a quen acusan de “torpedear de forma obsesiva e indiscriminada” este servizo “para invisibilizalo e finalmente liquidalo” no canto de potencialo e dotalo dunha sede permanente e de referencia para a cidadanía.
“A supresión da OMIC forma parte da política destrutiva do alcalde” denuncian dende o grupo municipal socialista, ao tempo que lamentan que o alcalde elimine un servizo que levaba funcionando con gran éxito durante máis de trinta anos por “mero capricho”, escusándose en que xa existe unha prestación de similares características pertencente á Xunta de Galicia. “A realidade é que ambos servizos son complementarios e non mutuamente excluíntes, como amosan as preto de 2.500 consultas, reclamacións e mediacións tramitadas dende a OMIC ourensá durante o ano 2020”.
Así as cousas, os socialistas inciden en que a Xunta ten competencias ligadas a todas as áreas nas que presta servizos públicos o executivo local, polo que se preguntan se Jácome vai aplicar esta regra da duplicidade ao conxunto da administración que preside e proceder a eliminar todas os servizos que presta o Concello. “Mentres o alcalde atenta contra todos os servizos municipais que están baixo a súa competencia, o Partido Popular cala, outorga e incluso aplaude as arroutadas de Jácome”, aseguran os socialistas, que esixen que os populares manifesten publicamente se están de acordo con que o Concello se desprenda dun servizo que xoga un papel esencial no asesoramento e orientación en materia de consumo á cidadanía.
Neste sentido, os socialistas salientan que as OMIC están presentes ao longo de toda a xeografía galega, con oficinas en cidades como Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo ou Ferrol e tamén na maioría de vilas, sumando máis de 80 oficinas distribuídas por toda Galicia e preto de 700 a nivel estatal.
“Unha vez máis, esta cidade é a única, a primeira e agardemos que a última que pecha unha oficina municipal de información ao consumidor polo capricho do seu alcalde. O único que fai Jácome é restar e restar, e así continuará ata o final do seu mandato grazas a quen o mantén no poder e permite que campe ás súas anchas: o Partido Popular”, conclúen.