Carmen Dacosta lamentou a “insensibilidade” amosada polo PP ao votar contra unha iniciativa do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta axuda para as máis de 200 familias de agricultores da Limia afectados polas chuvias de marzo e abril. Dacosta advertiu que os propietarios non puideron sementar cereais de ciclo largo -millo- e de primavera, e o sector da pataca prevé reducir a produción nun 20 por cento polas anegacións.
Reclamoulle ao goberno galego que lle dea resposta aos agricultores, moi preocupados polas caída da produción, “tanto polas perdas económicas que supón como polas repercusións no que ten que ver coa PAC e a posibilidade de cumprir cos requirimentos dos Eco-reximes”.
O sector espera que a produción deste ano suporá menos do 10 por cento dos 40 millóns de quilos que produce A Limia entre millo, centeno, e outros, que malia que non son o cultivo prioritario, serven a maioría dos agricultores para cubrir gastos e facer as súas explotacións rendibles. Alertan de que de confirmarse as expectativas da caída de cereal e pataca, “teremos un desastre económico na provincia e en toda a Comunidade Autónoma.
Os socialistas galegos reclamáronlle á Xunta que realice unha valoración técnica dos prexuízos económicos causados, así como tomar medidas para compensar a ínfima colleita de cereal prevista para este ano na comarca da Limia.