O PSdeG-PSOE de Ourense condena a actitude “imprudente, temeraria e agresiva” do concelleiro Telmo Ucha e esixe a súa dimisión nas vindeiras 48 horas como máximo responsable da área de Seguridade Cidadá, ao tempo que reclama o apoio do resto de grupos da oposición para dicir “basta xa” ao “matonismo” e restablecer o respecto e decoro que debe guiar a convivencia institucional.
“Fronte a comportamentos desafiantes e mesmo violentos, reclamamos respecto e dignidade para a cidade e para os seus representantes”, esixen dende o grupo municipal socialista. Neste sentido, os socialistas pregúntanse “como é posible que a seguridade da cidade estea nas mans dun pistoleiro” e fan un chamamento ao resto de grupos da oposición para que secunden a petición de dimisión do edil de Democracia Ourensana, con carácter inmediato.
“Sentimos vergoña por este sheriff de gatillo fácil, que se atreve a falar de izquierdita cobarde e actúa como representante encuberto da ultradeireita no oeste español”, lamentan os socialistas.
Ademais, denuncian a actitude cómplice do Partido Popular e convidan “a quen mantén a Jácome e o seu séquito no goberno” a deixar de ser colaboradores necesarios da “degradación do decoro institucional”. “Ata cando pensan seguir apoiándose?”, inquiren os socialistas.