Infraestructuras

O Psoe celebra que a variante norte será realidade grazas o goberno socialista

A obra permitirá liberar o trazado da N-120 co fin de converter esta vía no ansiado bulevar termal que deseñou o PSdeG-PSOE no goberno socialista da capital entre 2007 e 2015.

Óscar Gómez

Ourense | 19.09.2022 07:57

O Psoe celebra que a variante norte será realidade grazas o goberno socialista | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense celebra que a variante norte, o proxecto de autovía máis lonxevo nos Orzamentos Xerais do Estado, será realidade grazas ao compromiso do goberno socialista liderado por Pedro Sánchez. As e os socialistas destacan que o proxecto da circunvalación data do ano 1996, cando apareceu por primeira vez nas contas do Estado, e cuxa tramitación permaneceu “conxelada” durante o mandato de Rajoy, co beneplácito de Alberto Núñez Feijóo, ata o seu rescate e impulso cun executivo socialista que vela e defende os intereses da terceira cidade de Galicia.

“Foi o Goberno de Pedro Sánchez, sen maioría absoluta e inmerso na loita contra unha pandemia global, o que fixo avanzar esta autovía de circunvalación e o que logrou desatascar, por fin, o gran investimento polo que Ourense leva agardando un cuarto de século”, destacan as e os socialistas no día en que se inaugura o inicio das obras, coa visita da Secretaria de Estado de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera. “O impulso desta obra amosa, unha vez máis, a aposta firme e decidida do Goberno do Estado por esta provincia”.

O deputado nacional Adolfo Pérez Abellás lembrou que o Goberno central “aprobou incluír nos orzamentos de 2021 case 30 millóns de euros para construír este primeiro tramo, que enlaza na saída norte da autovía A-52 e que chega ata Quintela, enlazando de novo coa N-120” e adiantou que tamén están a traballar para comezar cando antes co segundo tramo da obra, que chega ata Velle e enlaza coa autovía a Lugo. Abellás destacou que esta é “outra das obras pendentes que, unha vez acometida, suporá unha gran redución do tempo de viaxe á capital lucense”.

O compromiso do Goberno central coa variante norte súmase ao amosado polo executivo de Pedro Sánchez con “moitas outras actuacións de fondo calado para Ourense, que só foron posibles co PSOE na Moncloa”. Entre elas, os socialistas ourensáns destacan o Arquivo Histórico Provincial (AHPOu) –un magnífico equipamento cultural recentemente inaugurado polo ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta–, o Museo Arqueolóxico, a variante exterior do AVE ou a bonificación total dos servizos de alta velocidade e media distancia de Ourense, que representa unha excepción única en toda a península.

“Cando Isabel Pardo de Vera dixo hai pouco que Ourense tería a gratuidade total da liña de media distancia e alta velocidade entre Ourense-Santiago-A Coruña, cumpriu, a través dunha excepción galega para que non foramos diferentes ao resto de Galicia; e agora cumpre coa obra máis lonxeva do Estado español, que levaba prevista dende 1996”, resaltou o secretario provincial do PSdeG-PSOE en Ourense, Rafa Villarino.

Rafa Villarino e Adolfo Abellás | onda cero

Unha autovía clave para a terceira cidade de Galicia

A lonxitude desta actuación con sección de autovía é de 1,7 quilómetros ten a súa orixe no acceso norte da A-52, onde actualmente existen dúas calzadas separadas de dous carrís por sentido. A variante será executada conectando coas calzadas existentes, dando continuidade aos tráficos da N-120.

Neste punto proxectouse un enlace provisional, que permitirá poñer en servizo o primeiro tramo con independencia do segundo. O tramo autorizado polo Goberno central inclúe obras singulares como un viaduto sobre a N-120 e a liña ferroviaria Monforte de Lemos–Vigo; unha nova ponte sobre o río do Porto; e dous pasos inferiores baixo o tronco da vía e baixo un dos ramais de Quintela. Tralo inicio das obras do primeiro tramo da variante norte, continuarán os trámites para executar os quilómetros restantes ata a ponte sobre o encoro de Velle e os primeiros tramos da autovía a Lugo.

Bulevar termal

A obra permitirá liberar o trazado da N-120 co fin de converter esta vía no ansiado bulevar termal que deseñou o PSdeG-PSOE no goberno socialista da capital entre 2007 e 2015, un proxecto que permitirá transformar a actual vía rápida que transcorre paralela ao río Miño.

“Esta obra dálle a Ourense unha circunvalación, algo que esta cidade, como capital de provincia, necesitaba; e liberamos tamén un espazo moi importante estratexicamente para poder construír o gran bulevar termal e que Ourense poida ter o termalismo que de verdade merece”, concluíu Villarino.