Os tres Grupos da Oposición do Concello de Ourense, PP, PSOE e BNG, presentaron unha moción conxunta de urxencia ao Pleno extraordinario que está convocado para o luns 30 de marzo, na que esixen ao Alcalde información e solucións urxente ante a gravidade dos problemas que está a provocar a paralización das obras da Avenida de Portugal. Un dos principais eixos de Ourense, tanto desde o punto de vista da mobilidade, como da actividade económica e social e que mantén a comerciantes e veciñanza nun limbo.
Dende os tres Grupos manifestan que esta paralización está a provocar un escenario de deterioro urbano e social cun prexuízo directo á calidade de vida da veciñanza e á actividade económica da zona, xerando ademais unha crecente desconfianza cara á xestión municipal e require dunha resposta inmediata por parte da Corporación, non podendo demorarse a súa análise e adopción de medidas.
Por todo isto, o Grupo Municipal Popular, o Grupo Municipal Socialista e o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, instan ao Goberno Municipal a dar conta urxente do estado completo do expediente, incluíndo a situación contractual, as causas da paralización e a previsión real de remate cun calendario claro, público e detallado de execución, a adopción de medidas urxentes de limpeza, acondicionamento e mellora do estado xeral da rúa, coa retirada inmediata de materiais; a realización dunha avaliación das perdas económicas sufridas polos negocios da zona e o estudo e habilitación de medidas de apoio e á suspensión inmediata das sancións na zona afectada polas obras.