O PSdeG-PSOE alerta de que Gonzalo Pérez Jácome está a empregar a COVID como escusa para levar a cabo o seu desexo de “desmantelar” o Auditorio Municipal despois de “queimar todos os cartuchos” coa programación de Nadal. Neste sentido, os socialistas lémbranlle ao alcalde que o Nadal “dura un mes” e pregúntanse que vai facer Jácome os once meses restantes, posto que carece dunha planificación cultural máis alá do espectáculo musical”.
O grupo municipal socialista considera que o anuncio da suspensión da programación do Auditorio por mor da COVID é un “mero pretexto” do alcalde para xustificar a falta de fondos do consistorio despois do Nadal, ademais de supoñer a “derradeira escenificación do desprezo de Jácome cara ás institucións culturais” desta cidade. “Trátase dun ataque encuberto que ten como fin consumar a exterminación da cultura na cidade”, aseguran os socialistas.
Advirten que a política cultural “reducionista” de Jácome suporá a destrución do “escaso tecido empresarial e pequena industria cultural” existente en Ourense, e terá consecuencias económicas directas nos comercios locais e na hostalaría, polo que lle piden ao alcalde que “recapacite” e lle dea á cultura “o lugar que merece”.
“Comparsita muda”
A respecto das declaracións do PP lamentando a decisión de Jácome de suspender a programación do Auditorio, os socialistas lembran que foron os populares os que colocaron a Jácome na alcaldía e fixeron o papel de “comparsita muda” durante o tempo que cogobernaron. “Chama a atención que agora queiran ser o látego do poder, cando hai non tanto tempo calaban e aplaudían as boutades do alcalde”.