O Psoe alerta de que Jacome bloquea a labor de fiscalización da oposición
Os socialistas denuncian que o rexedor decidiu deliberadamente non convocar a xunta de área que preside para eludir “dar a cara” e responder a cuestións clave que levan catro meses estancadas
O PSdeG-PSOE alerta de que Jácome está a bloquear o labor fiscalizador da oposición ao non convocar a Xunta de Área de Urbanismo e pospoñer as restantes. Os socialistas tachan de “inadmisible” que o rexedor “furte” o dereito de información da corporación municipal, e aseguran que se trata dunha nova “artimaña” para eludir “dar a cara” e responder a cuestións clave que levan catro meses estancadas pola súa “total incapacidade”. Neste sentido, dende o grupo municipal do PSdeG-PSOE critican a “actitude obstrucionista” de Jácome e esíxenlle ao alcalde que proceda á convocatoria urxente das Xuntas de Área do Concello, e nomeadamente da Xunta de Urbanismo, ou que abandone as súas responsabilidades como presidente da mesma.
Os socialistas lembran que, durante a última Xunta de Área de Urbanismo, celebrada o pasado 16 de marzo, Jácome deixou constancia do seu malestar pola cantidade de preguntas dos concelleiros socialistas, que “non foi quen de responder por descoñecemento” e cuxa réplica delegou nos funcionarios, dos que afirma que “non poden dedicar todo o seu tempo aos requirimentos dos membros do PSOE”.
“A información solicitada nalgún caso xa data de hai máis de catro meses, dende finais de 2020, e non hai escusa posible posto que é unha obriga da Alcaldía render contas e non bloquear o labor de control da oposición en áreas fundamentais como son o urbanismo, as infraestruturas, o medio ambiente ou a cultura, das que o alcalde ten as competencias delegadas”, poñen de manifesto dende o grupo socialista.
“A pregunta que nos facemos é para que ten o alcalde o staff de asesores máis numeroso da historia do Concello de Ourense”, inquiren, ao tempo que aseguran que “os deberes pendentes de Jácome” son proporcionais á “incapacidade” do microgoberno para xestionar con solvencia e dilixencia as áreas municipais.
“Aldraxe do PP”
A este respecto, nunha comparecencia aos medios durante a visita de Gonzalo Caballero a Ourense este martes, o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, subliñou que a situación de parálise nas xuntas de área é mostra de que “os tres membros do grupo de goberno do Concello non son quen de atender as súas funcións”.
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, sinalou ao PP como principal responsable da situación na que atopa a cidade de Ourense e cualificou de “aldraxe” o pacto entre Democracia Ourensana e os populares: “Utilizaron os seus votos para colocar a Jácome coa única intención de manter a Baltar na Deputación de Ourense e evitar que gobernase un alcalde de primeira nunha cidade de primeira, e iso é unha aldraxe que os ourensáns non lle van perdoar nin a Baltar, nin a Feijóo nin ao PP”, sentenciou Caballero.
Finalmente, o voceiro municipal preguntouse que vai facer o PP “cando Jácome someta os orzamentos a unha aprobación pola vía da cuestión de confianza e sexan incapaces de colaborar a prol dunha alternativa para que non se materialice unha nova aldraxe contra unha cidade que está totalmente inactiva, gastando a mans cheas en asesores e centros de Intelixencia Artificial, mentres está todo sen atender”, concluíu Villarino.