O Psoe alerta da grave situación na que se atopa o servicio do "comedor sobre rodas"
Denuncian que o servizo está “na corda frouxa e en precario pola incapacidade de xestión de Jácome, cuxa prioridade semella ser a contratación de orquestras con diñeiro público”.
O PSdeG-PSOE alerta da “grave situación” na que se atopa o ‘Comedor sobre Rodas’ do Concello de Ourense e esixen o seu mantemento e mellora, posto que representa “un servizo municipal de vital importancia, especialmente para as persoas maiores de Ourense, que na actualidade se atopa na corda frouxa e en precario pola incapacidade de xestión de Jácome, cuxa prioridade semella ser a contratación de orquestras con diñeiro público”.
Dende o grupo socialista lembran que o pasado mes de febreiro o Goberno municipal rexeitou a solicitude formulada pola provedora Alimentación Saludable Gallega SL, que reclamaba modificar o contrato administrativo do servizo de comida no fogar –incrementando un 8 % o importe económico da concesión ou subsidiariamente, a rescisión do contrato– para o restablecemento do equilibrio financeiro do contrato, como consecuencia do incremento de prezos experimentado nos custes.
“Segundo o que figuraba no contrato asinado entre o Concello de Ourense e a empresa adxudicataria, a primeira prórroga expirou o pasado 28 de febreiro e dábase opción a unha segunda moratoria dun ano de duración, por un importe aproximado de 200.000 €”, abunda a voceira dos socialistas, Natalia González.
“Por este motivo, agora mesmo continúase a prestar o servizo dunha maneira precaria por parte da concesionaria actual sen que coñezamos avances na nova licitación por parte de Jácome e Ucha”, lamentan, ao tempo que esixen blindar e mellorar un servizo esencial, que ten como obxectivos garantir a independencia e a autonomía das persoas dependentes, previr a aparición de situacións de dependencia, exclusión, desigualdade e desprotección ou apoiar as familias.
Unha iniciativa pioneira
Lembran que foi o Goberno municipal socialista o que puxo en marcha o “Comedor sobre Rodas” no ano 2008 como complemento ao Servizo de Axuda no Fogar, unha iniciativa “pioneira” consistente na entrega periódica no domicilio das persoas usuarias de comidas preparadas coas garantías nutritivas e de cobertura semanal, incluídos os días festivos.
“Este servizo, que chegou a contar con máis de 200 usuarios e a servir case 50.000 menús anuais, foi deseñado especialmente para dar resposta ás necesidades da poboación maior, procurando a súa permanencia na contorna familiar en condicións axeitadas, evitando así a súa institucionalización”, salientan dende o grupo socialista.
“Precisamente naquel momento a nosa cidade situábase como un referente en políticas sociais de Galicia e un símbolo da atención aos colectivos máis necesitados, especialmente aos nosos maiores”, rememoran, ao tempo que contrapoñen a situación actual.
“Somos noticia polas frivolidades de Jácome coa atención a persoas maiores que viven en soidade, ás que lles prometeu un servizo de acompañamento para o que contratou a dedo a dúas empresas de propaganda, unha chapuza clientelar que derivou na rescisión dos contratos”, lamentan.