O Psoe alerta do estado de abandono de casa Taboada
Os socialistas instan á Xunta de Galicia a desbloquear “xa” a inscrición do “único edificio modernista de Vázquez-Gulías” no rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia
O PSdeG-PSOE de Ourense alerta do abandono e estado de avanzado deterioro do edificio Casa Taboada e anuncia que levará unha iniciativa ao pleno municipal deste venres para esixir a súa recuperación e posta en valor urxente. Neste sentido, os socialistas demandarán que a Xunta de Galicia desbloquee “xa” a inscrición do “único edificio modernista de Vázquez-Gulías” no rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que o Concello “cumpra co acordo plenario do 7 de setembro de 2018” para proceder á compra do inmoble da rúa Progreso e estudar, tecnica e xuridicamente, a súa expropiación.
“Consideramos que o abandono e deterioro de Casa Taboada supoñen unha seria ameaza, a curto prazo, para a súa integridade e conservación, e que esta situación require que actuemos coa máxima celeridade para axilizar a súa urxente recuperación e posta en valor como monumento senlleiro da nosa paisaxe arquitectónica e símbolo do legado modernista de Vázquez-Gulías”, afirma o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino.
Os socialistas lamentan que un inmoble “icónico e de gran valor patrimonial”, que está catalogado e conta coa protección da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia 5/2016 do 4 de maio, se atope “seriamente ameazado pola inacción da Xunta de Galicia e a pasividade de Jácome”.
Dende o grupo municipal socialista aseguran que, xa en setembro de 2018, o pleno aprobou por unanimidade iniciar os trámites necesarios para declarar Casa Taboada como BIC e adquirir ou expropiar o inmoble por parte do Concello. “Porén, máis de dous anos e medio despois atopámonos cun acordo plenario que segue sen cumprirse e cun edificio centenario baleiro, consumido polo desuso, e cuxo avanzado deterioro empeora a pasos axigantados”, sinalan.
“A propia asociación Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías vén de instar ao Concello, nun escrito remitido e asinado por Lucila Vázquez-Gulías o pasado 30 de abril de 2021, a iniciar os trámites oportunos para salvagardar e protexer o inmoble”, informan os socialistas, que defenden a necesidade de “rescatar” Casa Taboada para darlle “un uso cultural” e “achegala á sociedade”.
Dende o grupo municipal socialista lembran que, da “monumental herdanza” de Vázquez-Gulías na cidade de Ourense, “a única edificación que é completamente modernista, tanto no exterior como nos interiores, é Casa Taboada”, ademais de tratarse dun edificio “senlleiro” e “de extraordinaria beleza” dentro da propia obra de Gulías, no que destacan as súas carpinterías curvadas, ferro forxado nos balcóns e detalles ornamentais do art noveau.
“Non só é un exemplar único dentro da corrente do modernismo e do catálogo de Vázquez-Gulías, senón que tamén é a obra máis ameazada, a que corre maior perigo das executadas polo arquitecto de Beariz na cidade das Burgas”, alertan os socialistas.