Ourense Cidade

O Psoe acusa a Jácome de querer "impor decisións populistas"

“Dous anos despois, Jácome aínda non asumiu que non ten maioría para gobernar e que non a vai ter nos dous anos que lle quedan”, sinalan os socialistas

Óscar Gómez

Ourense | 06.07.2021 11:52

Perez Jacome alcalde de Ourense | La Región

O PSdeG-PSOE acusa a Jácome de pretender “impoñer decisións populistas”, logo de que o alcalde emitise unha nota de prensa na que culpa aos socialistas de usar a estratexia do “non polo non” para botar atrás a rebaixa do imposto de circulación. Neste sentido, dende o grupo municipal socialista alertan de que a medida que pretende aprobar o alcalde atenta contra a sustentabilidade orzamentaria do Concello e atende a un modelo “claramente regresivo”.

“Dous anos despois, e a pesar dos acontecementos, Jácome aínda segue sen asumir que non ten maioría para gobernar e que nunca a vai ter nos dous anos que lle quedan á fronte da alcaldía; nin sequera despois de terse arrastrado outra vez para poñerlles paguiñas aos concelleiros do Partido Popular”, sinalan os socialistas.

“É un claro exercicio de demagoxia por parte dun alcalde que pretende tapar a súa incapacidade botándolle as culpas aos demais”, manifestan, ao tempo que apuntan a que a rebaixa do imposto sobre os vehículos de tracción mecánica coa finalidade de incrementar o censo de habitantes –segundo o manifestado polo alcalde–, é unha medida “de concellos de terceira” que carecen dos recursos necesarios para levar a cabo políticas activas que lles permitan atraer e fixar poboación.

Precarización das arcas municipais

Os socialistas aseguran que, de rebaixarse este imposto nos termos que pretende facelo o alcalde, estaríase a incorrer nunha “grave precarización da administración local” –causaría un impacto do 43 % sobre as arcas municipais– polo que instan ao executivo local a artellar unha reforma fiscal global, e non “aleatoria” sobre temas “escollidos a dedo polo alcalde en función de intereses propios e non do interese común da cidade”.

Deste xeito, dende o PSdeG-PSOE de Ourense amósanse a favor de camiñar cara a un modelo de mobilidade alternativo, que aposte pola descarbonización da cidade, primando o transporte colectivo ou a bicicleta, no canto de “atraer vehículos e fomentar un estilo de vida non saudable a base de contaminación e condutas sedentarias”.

“Mostra do pouco que lle importa a Jácome a mobilidade sostible é a paralización do PMUS ou o esquinazo ao carril bici coa escusa da Cidade 30, que entrou en vigor sen a posta en marcha dunha campaña de concienciación cidadá, sen a adaptación exhaustiva das vías e sen a coordinación necesaria coa Policía Local”, lembran.

Modelo regresivo

Ademais, dende o grupo municipal socialista alertan de que a rebaixa do IVTM favorecerá aos vehículos de maior cabalaxe, polo que consideran que se está a favorecer as rendas máis altas e apostando por un modelo regresivo, “máis ventaxoso para os que máis teñen”.

A modo de exemplo, os socialistas sinalan que os vehículos de menor cabalaxe obterían un desconto do 35,85 %, cuxa repercusión nos petos dos propietarios sería de 8,73 €; mentres que nos vehículos de gran cabalaxe a redución sería do 48,64%, arredor de 106 euros menos. “As persoas que máis precisan ese desconto serían as menos beneficiadas. O alcalde está indo en contra do sentido común e da humanización da cidade”, conclúen.