O Psoe acusa a Jácome de pretender "aprobar un orzamento en B"
Os socialistas adiantan que “non van asinar un cheque en branco para as ocorrencias de Jácome” e solicitan que se retire a modificación de crédito para o seu estudo e planificación por área.
O PSdeG-PSOE de Ourense acusa ao alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, de pretender aprobar en pleno “un orzamento en B” a través dunha macromodificación de crédito “trampa” e sen contar cos grupos da oposición. Os socialistas adiantan que “non van asinar un cheque en branco para pagar co diñeiro de todos as ocorrencias de Jácome” e solicitan que se retire a modificación de crédito para o seu estudo e planificación por áreas.
“O único fin desta proposta é conseguir o visto bo da corporación a un totum revolutum de actuacións no que se mesturan os caprichos do alcalde con asuntos prioritarios que, de non aprobarse, lle permiten a Jácome fabricar un discurso demagóxico sobre como a oposición bloquea temas cruciais para a cidade. É unha nova trampa do alcalde e outro intento de chantaxe aos grupos da oposición”.
Os socialistas lamentan “ter que enterarnos polos medios de comunicación de que o alcalde quere facer unha modificación de crédito” e entenden que Jácome “nunca tivo intención de chegar a acordos de ningún tipo” malia ser o goberno municipal con menos apoio da historia do Concello de Ourense.
“O alcalde pídenos que apoiemos proxectos cos que non estamos de acordo, outros que descoñecemos e outros cos que xa amosamos a nosa desconformidade”, sinalan os socialistas, que interpretan a “total falta de información por parte do Concello” como un intento de impedir o labor fiscalizador da oposición.
Ademais, aféanlle ao alcalde que pretenda levar a cabo unha modificación de crédito en lote cando, ata non hai moito tempo, actuaba como máximo detractor deste tipo de prácticas, levadas a cabo por outros alcaldes con contías significativamente inferiores á que pretende mobilizar Jácome.
“Logo de acusar aos seus antecesores no cargo de empregar de xeito xeral unha figura excepcional como é a modificación de crédito, o propio Jácome solicita que a corporación aprobe un presuposto encuberto de 62 millóns de euros que supón, na práctica, dilapidar máis do 60% do remanente de tesouraría, unha cifra astronómica que bate todos os rexistros”.
Os socialistas fan fincapé na necesidade de “ser responsables e non hipotecar a cidade con decisións caprichosas” como son a instalación de aparellos mecánicos que carezan de informes de viabilidade e mantemento –contemplada na modificación de crédito cun orzamento de 10 millóns de euros– ou a compra de 43 autobuses –dotada con 14 millóns de euros–, unha proposta que xa foi rexeitada en Xunta de Voceiros e tamén no pleno municipal por parte da maioría da corporación.
Partida insuficiente en emerxencia social
Ademais, dende o grupo municipal socialista adiantan que consideran “insuficiente a todas luces” a contía de 700 000 euros contemplada no apartado de emerxencia social, que “deixaría fóra a moitas entidades do terceiro sector que dependen das axudas públicas para realizar o seu labor”.
“Todo isto debería terse artellado a través da convocatoria urxente da Xunta de Voceiros do Concello, o órgano ao que lle corresponde pórse de acordo para acadar consenso naqueles temas que requiran unha actuación inmediata. Así evitariamos que esta macromodificación de crédito chegue a pleno e non se aprobe, prexudicando inxustamente a moitos colectivos, administracións ou departamentos municipais que precisan a incorporación de créditos e compromisos orzamentarios para a execución de proxectos e prestación de servizos”.
Así as cousas, os socialistas conclúen que o alcalde “tenta ocultar a súa incapacidade para rexer e planificar un Concello con decisións de última hora e amosando a súa clara falta de respecto tanto pola oposición como pola cidade”.