O Psoe acusa ao PP e a Jácome da "desfeita termal" en Ourense
Solicitarán que o pleno do Concello aprobe unha moción para instar á Xunta de Galicia a estudar o marco normativo da Lei 8/2019 de Regulación do aproveitamento lúdico de augas termais de Galicia
O PSdeG-PSOE de Ourense acusa ao Partido Popular e a Jácome de “corresponsabilidade” no que cualifica de “desfeita termal en Ourense” e anuncia que levará unha iniciativa ao pleno municipal deste venres para instar á Xunta de Galicia a estudar unha solución “urxente” ao peche dos espazos públicos termais da cidade; unha iniciativa para a que agarda “unanimidade e consenso político”.
Así o anunciaron os socialistas despois de que o alcalde manifestara publicamente que o modelo termal ourensán estaba “finiquitado” por mor da entrada en vigor da nova lei de aproveitamento lúdico das augas, un cambio normativo “perpetrado polo PP de costas á cidade” para “fulminar” a oferta pública termal. Unha afirmación á que cómpre sumar a realizada esta mesma mañá polo rexedor, nunha roda de prensa aos medios, na que afirmou que o modelo de termas gratuítas “pasará á historia”.
“Hoxe, por desgracia, podemos dicir que é un día histórico para Ourense porque Jácome vén de anunciar o certificado de defunción do noso modelo termal”, lamentou o concelleiro Javier Rey, quen sinalou que o alcalde ourensán consuma así o seu plan de “aniquilar” as pozas públicas.
“Moitos veciños e veciñas dirixíronse a nós durante os últimos días para dicirnos que era incrible que un espazo de mellora da saúde para eles se transforme nalgo lúdico que vai ser pechado de forma inminente e sen motivo aparente”, destacou o concelleiro do PSdeG-PSOE, que ademais defendeu a existencia de garantías do uso “hixiénico e axeitado” das pozas públicas para sinalar que “estamos ante un problema que se acaba de inventar a Xunta de Galicia”.
Deste xeito, dende o grupo municipal socialista apuntan á responsabilidade compartida pola “apisonadora legal” do goberno de Feijoo –que, en palabras de Rey, “fai unha lei sen contar con ninguén, desprezando a oposición e a todos aqueles que saben de termalismo na provincia” –; aos responsables do PP de Ourense –a quen acusan de seren “instigadores” do cambio normativo, posto que “ata hai sete meses eran responsables da área de termalismo–; e ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome –que exerce de “comentarista político” sen esixirlle á Xunta “absolutamente nada–.
“O que queremos é que o Concello de Ourense represente de verdade á veciñanza e lle diga á Xunta de Galicia que por aquí non, que Ourense é unha cidade de primeira, e que para o pouco que temos, merecemos conservalo e que non se aniquile coma se nada”, reclamou Rey. “Tamén queremos dicirlle ao PP que finalice coa súa arrogancia dunha vez por todas, que non busquen problemas onde non existen, e que cando lexisle o faga dialogando coa xente que sabe”, subliñou.
“Caos termal”
A este respecto pronunciouse a deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta, quen asegurou que “o caos termal de Ourense comeza no Parlamento de Galicia da man do PP e da Xunta”, en relación á aprobación dunha lei “sen consenso” que contou co voto favorable dos populares e o rexeitamento frontal da oposición.
“O PSdeG-PSOE fixo unha emenda á totalidade do texto legal ao entender que xa que tiñamos unha Lei, a 5/1995 de regulación das augas minerais, termais, de manantial e dos establecementos balnearios de Galicia, que había que modificar para facer un texto normativo único que non xerara unha inseguridade xurídica como a que estamos a padecer”, sinalou a socialista, quen lamentou que “das 70 emendas que presentamos foron aceptadas nove e transaccionadas só tres”.
Neste sentido, Dacosta anunciou que os deputados galegos no Parlamento de Galicia levarán “todas as iniciativas que sexan necesarias” para deter o “caos termal”.
Por último, o voceiro socialista no Concello, Rafa Villarino, lamentou a falta de liderazgo político para que a riqueza termal de Ourense se desenvolva. “Temos potencial dabondo pero faltan políticos que sexan quen de levalo á práctica. Esta cidade será termal de verdade cando se transforme”, sinalou Villarino.
Así, o líder dos socialistas na cidade lamentou o abismo entre o potencial e a realidade: “temos unhas pozas desfeitas, un plan termal inexistente e ocorrencias dun presidente da Deputación que fala dun balneario no pazo provincial e dun alcalde que quere unha piscina termal na praza de abastos”.