O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o uso de dromedarios na cabalgata de reis supúxolle aos ourensáns e as ourensás un gasto de 14.520 euros. Os socialistas consideran este gasto un “despilfarro” máis do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e volven a criticar que en pleno século XXI haxa persoas como o rexedor de Ourense “illado na idade de pedra” e que precisa empregar animais como “xoguetes”, sen importarlle o “estrés e sufrimento” que estes padecen neste tipo de espectáculos.
Dende o Grupo Municipal Socialista salientan que ademais do xa mencionado maltrato animal, “agora coñecemos o importe exacto deste espectáculo”, contratado polo alcalde de Ourense para a cabalgata de reis. “A pesar dos intentos de Jácome por ocultar as facturas e os importes gastados, vimos de coñecer que finalmente o prezo da contratación dos tres dromedarios supuxo para as arcas públicas ourensás, un gasto total de 12.000 euros máis IVA, ou o que é o mesmo, un total de 14.520 euros”.
Os socialistas lembran que no seu día xa criticaron o uso de dromedarios na cabalgata, ao entender que esta decisión “supón unha volta ao pasado e rompe por completo co nomeamento de Ourense como cidade declarada como libre de circos con animais”. Para o PSOE ourensán o emprego de animais neste tipo de espectáculos “está totalmente fóra de lugar”, motivo polo que lle esixen ao Partido Popular, colaboradores necesarios nas “armadanzas” do alcalde que “se amosen claramente a súa postura” e que “poñan fin ao malgasto de cartos públicos en eventos deste tipo”.
Na factura a que os socialistas tiveron acceso detállase que o importe total incluía ademais dos 3 dromedarios, as súas respectivas monturas, o persoal necesario para levar a cabo o servizo, os traxes do persoal, o transporte en camión homologado, a quilometraxe de vir ata Ourense, así como a xestión de autorizacións ou o seguro de responsabilidade civil.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense consideran que este gasto “puido terse evitado” e lembran que non é a primeira vez que o alcalde opta polo emprego de animais en cabalgatas, xa que tal e como apuntan “fai dous anos durante a previa de Nadal, o alcalde tamén realizou un desfile con renos, que amosaban un pésimo coidado e que non se atopaban nas mellores condicións, ademais do estrés que padeceron nun clima de ruído, berros e decibelios disparados”.
O PSOE aposta por que se poña fin o uso de animais en cabalgatas ou eventos na cidade e apunta a que na actualidade se está tramitando a nova lei de protección animal, na que se contemplo o emprego de animais en cabalgatas, concretamente no artigo 73, no que tal e como apuntan os socialistas “prohíbese o uso de animais en exposicións, beléns, cabalgatas ou procesións nas que se manteña o animal de forma antinatural conforme ás características propias da súa especie, ou inmobilizado durante a duración do evento”.