O Concello de Ourense activará despois do Nadal un proxecto piloto para solucionar o problema crónico de aparcamento e de tráfico que se produce os días de semana na contorna do colexio Carmelitas. Así llelo avanzou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, á directora, Yolanda Álvarez, e aos representantes da asociación de nais e pais do colexio Carmelitas, nunha xuntanza mantida onte na Alcaldía, na que tamén participou a Policía Local de Ourense.
O Concello quere pórlle fin ao problema que desde hai anos se produce de luns a venres pola concentración de vehículos na contorna deste centro educativo coincidindo cos horarios de entrada e saída do alumnado, no momento en que nais e pais o levan ao centro para asistir a clases. Unha situación que afecta ao colexio Carmelitas, na rúa Emilia Pardo Bazán, e tamén a outros centros próximos como Cardenal Cisneros, emprazado na mesma rúa, e Concepción Arenal, na lindeira rúa Bedoya.
O proxecto piloto deseñado polo Concello prevé basicamente dúas medidas para facilitar o estacionamento de curta duración nesta zona da cidade sen entorpecer o normal fluxo do tráfico. Por unha banda, implantarase unha zona de estacionamento exprés, onde nais e pais poderían aparcar os seus vehículos por un período de tempo nunca superior a 15 minutos. Por outro, autorizaráselles a estacionar no aparcadoiro municipal do Auditorio pola mañá nos horarios de entrada e saída de clases.
O alcalde Pérez Jácome explicou que o Concello activará este proxecto piloto logo das vacacións escolares de Nadal: “Queremos solucionar un problema crónico que padece esta cidade. Se os resultados son positivos, estenderemos o proxecto a outras zonas da cidade onde se rexistra unha problemática similar”, asegurou o rexedor.