O proxecto “OU-intelixente” da Deputación segunda mellor proposta de España
Unha das pezas básicas deste proxecto é o centro intelixente para a xestión provincial da auga -AquaOU-, que ademais de permitir a xestión centralizada deste recurso en tempo real, permitirá avanzar na transparencia da xestión dun servizo público de cara á veciñanza.
O proxecto “OU-intelixente”, presentado pola Deputación a través da empresa mixta AquaOurense (formada pola propia institución provincial e Viaqua), converteuse na segunda mellor proposta de España e a primeira de Galicia para dixitalizar a xestión do ciclo da auga, o que suporá contar con 7,75 millóns de euros “para aplicar as últimas tecnoloxías ao tratamento e control dun recurso básico e estratéxico como é a auga”.
O presidente da Deputación, Luis Menor, valorou así esta mañá a concesión de 7.754.519 euros por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica do Reto Demográfico (MITECO), unha vez coñecida a resolución provisional da primeira convocatoria específica dos Fondos Next Generation asociada ao PERTE de dixitalización da auga. Un financiamento que mesmo podería aumentar, advertiu Luis Menor, posto que ao tratarse dunha primeira resolución aínda resta a análise final das candidaturas aprobadas.
O proxecto “Ou-intelixente” alcanzou 87 dos 90 puntos posibles e beneficiará a 81 concellos da comarca, ademais dos consorcios de augas de Valdeorras e Os Peares. A Deputación, entre tanto, terá que completar con fondos propios os 5,75 millóns de euros restantes do financiamento total do plan.
Luis Menor explicou que esta destacada nova supón un “clarísimo exemplo de colaboración cos concellos”, pois as infraestruturas que se van beneficiar do proxecto son de titularidade municipal, unha característica que diferenza á proposta ourensán do resto de candidaturas. O presidente ratificou así a liña de “máxima cooperación que dixen ía marcar a miña acción de goberno”, poñendo a disposición dos pequenos concellos infraestruturas punteiras en tecnoloxía que lles resultaría imposible acadar con fondos propios.
Actuacións prioritarias da iniciativa “OU-intelixente: provincia da auga”
Luis Menor estivo acompañado na súa comparecencia polo director da Área de Medio Ambiente da Deputación, Javier Bobe, e polo responsable de operación de AquaOurense, Víctor Comesaña.
Bobe explicou os obxetivos do programa, que pasan por “acadar unha xestión eficiente nos pequenos concellos, baseada en dúas claves: os datos e a formación. Cos datos conseguiremos unha diagnose correcta dos servizos e coa formación acadaremos a mellor xestión e prestación do servizo. Con este esforzo da Deputación, os pequenos concellos adheridos non terán que gastar os seus recursos”. Tamén abundou Javier Bobe na importancia da consecución destes fondos en concorrencia competitiva, pois foron 158 as solicitudes en toda España, das que a da Deputación foi a segunda mellor valorada.
Significado da dixitalización da xestión da auga
Víctor Comesaña detallou as actuación prioritarias que contempla este proxecto, como:
1- Implantación de 63.000 contadores intelixentes domiciliarios para aqueles concellos de menos de 20.000 habitantes que se adhiran á proposta.
2- Instalación de contadores intelixentes en 120 puntos de entrega de auga aos sistemas de abastecemento dos concellos ourensáns.
3- Proxecto de investigación no embalse das Conchas con imaxes satelitais para controlar a evolución do mesmo ao longo do ano.
4- Dixitalización de 139 instalacións de depuración para o control, en tempo real, tanto da cantidade como da calidade do verquido ao medio.
5- Dixitalización de 18 instalacións de abastecemento para o control en tempo real do funcionamento das plantas de tratamento de auga potable, así como das redes de distribución no Consorcio de Augas de Valdeorras.
6- Creación do Centro Intelixente para a xestión provincial da auga -o AquaOU- no que se centralizará a xestión operativa de toda a información obtida en tempo real. Este centro pretende, ademais, ser un espazo aberto á cidadanía no que transparentar e poñer en valor a importancia dunha axeitada xestión da auga no territorio.