O programa Bonos Activa Comercio da Xunta a prol do comercio de proximidade
O delegado subliñou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 8,5 millóns en vendas nos establecementos de proximidade galegos co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector.
Nesta liña indicou que, en total, o Goberno galego ten previsto destinar inicialmente 5 M€ en 2026 a esta campaña. Ao igual que en 2025, este ano a adhesión dos establecementos —aberta desde o 27 de marzo e que suma xa 5.736 negocios, dos que 810 pertencen á provincia de Ourense— realizarase nun único procedemento para todas as edicións, avanzando así na simplificación administrativa.
O representante autonómico sinalou que os bonos Activa Comercio son unha das medidas previstas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para revitalizar os establecementos de proximidade, incrementar a competitividade do sector e incentivar o consumo local. Tamén destacou que o ano pasado conseguiu mobilizar máis de 22,3 M€ en máis de 7.400 establecementos de proximidade, superando os 122 M€ en vendas xeradas desde a primeira edición en 2021.
Neste contexto, fixo fincapé que esta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración súmase, entre outras actuacións, aos apoios destinados á transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal (4 M€), á potenciación das prazas de abastos como Mercados Excelentes (preto de 2,3 M€) e ás accións de dinamización dos centros comerciais abertos (2,5 M€).
Os bonos
Durante a súa estadía no local, Manuel Pardo lembrou que os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.
Novidades
Como principal novidade desta convocatoria, habilítase un sorteo a través das contas oficiais da Xunta en TikTok e Instagram, dirixido ás persoas usuarias dos bonos Activa Comercio que realicen compras no marco do programa, co obxectivo de contribuír a dar maior visibilidade ao comercio local.
O sorteo consistirá na adxudicación de catro bonos adicionais por importe de 250 euros cada un, en formato dixital mediante código QR, que poderán utilizarse nos establecementos adheridos cun prazo de validez dunha semana. A participación estará vinculada á realización dunha compra con bono nun comercio adherido e á interacción coas publicacións oficiais da campaña nas redes sociais, segundo as condicións establecidas na convocatoria.