Teatro

O Premio de Honra da MIT 2024 é para Nova Galega de Danza

Xa están á venda as entradas individuais para todos os espectáculos.

Óscar Gómez

Ourense |

O Premio de Honra da MIT 2024 é para Nova Galega de Danza | onda cero

A inauguración da 40ª edición da MIT de Ribadavia este ano 2024 estará marcada por un feito simbólico e cargado de apoio e recoñecemento especial ao sector da danza e das artes do movemento. Nova Galega de Danza abre a programación con DIQUE, espectáculo de recente estrea e recolle o Premio de Honra esa mesma noite. Será un acto de reafirmación da comunidade ao traballo, constancia e novos rumbos de innovación marcados por unha compañía que pasou polo festival colleitando en dúas ocasións o Premio do Público nos últimos anos.

As entradas poden adquirirse na Praza Maior de Ribadavia, na sede do festival ou por internet en: ataquilla.com e mitribadavia.gal

Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” 2024 concedido a Nova Galega de Danza

Nova Galega de Danza é unha compañía referente e pioneira nas nosas Artes Escénicas. Este ano 2024, no marco da 40ª edición da MIT, facemos entrega do Premio de Honra, por vez primeira na historia do festival, a un colectivo de danza.

A compañía chega a este recoñecemento en Ribadavia tamén co aval do dobre Premio do Público da MIT en 2017 e en 2020. Fundada na cidade da Coruña en 2003, o grupo dirixido polo tamén bailarín Jaime Pablo Díaz, quixo emprender un camiño de fusión e investigación nas raíces e elementos da danza tradicional galega.

Comezou por aquel entón un fenómeno de popularización do que poderiamos considerar neofolk galego, que hoxe tantos froitos e interese suscita na sociedade e nos colectivos artísticos, tamén do ámbito musical. Esta compañía sempre tivo claro que a mestura de tradición e vangarda, de cultura galega popular e outras culturas tradicionais doutros contextos coma o flamenco ou a danza contemporánea, podían atoparse e poñerse ao servizo dunha creación que puidese conquistar unha ampla audiencia arredor do mundo da danza, tanto en teatros coma en espazos abertos e non convencionais.