Cultura

Premio da Cultura Galega a San Pedro de Rocas

O presidente provincial valorou esta distinción como un recoñecemento máis a “un dos lugares senlleiros da provincia de Ourense, onde non só destaca a riqueza patrimonial deste enclave máxico, senón tamén a súa compoñente emocional, social e histórica”, como o mosteiro máis antigo de Galicia e o monumento máis visitado da Ribeira Sacra

Manuel Baltar tamén felicitou a Antón Pulido, Premio da Cultura Galega 2021 no campo das artes plásticas, como “un dos mellores expoñentes desta arte que hoxe posúe Galicia”

Óscar Gómez

Ourense | 05.11.2021 09:15

Premio da Cultura Galega a San Pedro de Rocas | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén de expresar a súa satisfacción pola concesión do Premio da Cultura Galega, na modalidade de patrimonio cultural, ao mosteiro de San Pedro de Rocas, distinción que valorou como “un novo pulo ao labor de preservación do patrimonio que facemos desde a Deputación, así como todo un recoñecemento ao monumento máis visitado da Ribeira Sacra”. Unha “dobre” satisfacción, destacou, por outra referencia ourensá nestes premios, xa que o galardón no apartado de artes plásticas recaeu no pintor Antón Pulido

O mosteiro, “magnífica postal de Galicia e de Europa”, é un dos lugares máis senlleiros da provincia de Ourense, dixo Manuel Baltar, que destacou “non só a riqueza patrimonial deste enclave máxico, senón tamén a súa compoñente emocional e social”, apuntando ademais o seu valor histórico “como referente xa en tempos onde o reino suevo da Gallaecia estaba vixente, demostrando que había intelixente moito antes que noutros lugares”.

Para a Deputación de Ourense, como titular de San Pedro de Rocas, “este recoñecemento contribúe a reforzar a relevancia nacional do cenobio, como puideron comprobar recentemente representantes institucionais chegados desde diversos lugares de España”, entre os que citou ás alcaldesas de Santander e Teruel, Gema Igual e Emma Buj, o presidente da Deputación de Segovia, Miguel Ángel de Vicente, e o vicepresidente da Asemblea de Castela e León, Francisco Javier Vázquez. Pero tamén reforza a súa imaxe internacional, “que se porá aínda máis de manifesto cando a Ribeira Sacra consiga a tan desexada distinción como Patrimonio Mundial da Unesco”.

A máis antiga vida eremítica do noroeste peninsular

San Pedro de Rocas é, probablemente, o conxunto cenobítico mais antigo de Galicia, ademais de singular exemplo de igrexa rupestre escabada na rocha viva na Ribeira Sacra. Situado na parroquia de Rocas, no Concello de Esgos, foi un convento creado no século VI. É o único cenobio que mostra pegadas e elementos materiais que denotan a máis antiga vida eremítica do noroeste peninsular e que, ademais, evidencia culto pagán prehistórico, precedendo en varios séculos ao culto cristián, pegadas, restos arqueolóxicos e materiais que se conservaron no tempo.

É, ademais, unha das xoias naturais, paisaxísticas, medioambientais, históricas, arqueolóxicas, artísticas e antropolóxicas do conxunto da Ribeira Sacra mais destacadas, sendo o conxunto monumental máis visitado da Ribeira Sacra e un dos tesouros patrimoniais máis importantes da provincia de Ourense. Patrimonio Histórico desde 1923 e Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de Paisaxe Cultural, desde 2018, o mosteiro é propiedade da Deputación de Ourense e no 2023 celebrarase o centenario da súa declaración como monumento nacional.

Antón Pulido, expoñente das artes plásticas

Manuel Baltar tamén felicitou a Antón Pulido, Premio da Cultura Galega 2021 no campo das artes plásticas, como “un dos mellores expoñentes desta arte que hoxe posúe Galicia e que tivo en Ourense as súas orixes, onde realizou a súa primeira exposición hai cincuenta anos”, lembrando ademais que en 2015 recibiu o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo.

Os Premios da Cultura Galega ao mosteiro ourensán e ao pintor Antón Pulido son dous dos oito galardóns concedidos na presente edición noutras tantas modalidades culturais, onde xunto co patrimonio cultural e artes plásticas figuran as letras, artes escénicas, música, audiovisual, lingua e proxección exterior. O xurado, que se reuniu na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, formando parte tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; e profesionais de recoñecido prestixio como o director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez; a directora de programas da Radio Galega, Tania Fernández; a directora e editora de Hércules de Edicións, Laura Rodríguez e a historiadora da Arte e comisaria de exposicións, María García-Alén.

Con estes galardóns, a Xunta de Galicia premia o labor creativo galego e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos, recoñecendo a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.