Homenaxe a Miguel Angel Blanco

O PPdeG salienta a unanimidade do Parlamento de Galicia baixo a figura de Miguel Ángel Blanco

Paula Prado subliña que a declaración institucional impulsada pola formación popular serviu para que os tres grupos manifestaran conxuntamente a repulsa a calquera tipo de violencia.

Óscar Gómez

Ourense | 15.07.2022 08:45

O PPdeG salienta a unanimidade do Parlamento de Galicia baixo a figura de Miguel Ángel Blanco | onda cero

O PP de Galicia salientou a unanimidade do Parlamento de Galicia baixo a figura de Miguel Ángel Blanco, en relación á declaración institucional impulsada pola formación popular que foi consensuada entre os tres grupos parlamentarios.

Así o salientou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, nun acto celebrado na Merca en lembranza do concelleiro do Ermua asasinado pola banda terrorista ETA hai 25 anos. No exterior do cemiterio de Faramontaos tamén estiveron deputados autonómicos da provincia; o vicepresidente do PP provincial de Ourense, Rosendo Fernández; a tenente de alcalde da Merca, Josefina Carrera; e o tío do homenaxeado, Aurelio Garrido. “Alegrámonos moito de que os tres grupos nos uníramos no Parlamento baixo as mesmas palabras de recoñecemento a Miguel Ángel Blanco e de repulsa a calquera tipo de violencia”, subliñou a número dous dos populares galegos.

“Reclamamos memoria, dignidade e xustiza”, engadiu Prado, que lembrou ao homenaxeado como “un vasco con profundas raíces galegas que se converteu nun símbolo da loita da sociedade por manter unha España máis democrática, máis unida, plural e libre da senrazón do terrorismo”. Nesa liña, pediulle á sociedade galega “que non esqueza nunca que a memoria de Miguel Ángel Blanco repousa na nosa terra, neste humilde cemiterio da Merca, que esperamos que se converta nun memorial da democracia”.

“A LEI BILDU NON É MEMORIA NIN DEMOCRACIA”

Por outra banda, a secretaria xeral incidiu en que desde o PPdeG “rexeitamos todos e cada un dos acordos políticos con partidos que manteñen a indignidade, non condenan os asasinatos de ETA e pretenden lexitimar a súa existencia”. “Non entendemos, por exemplo, como a mesma semana que se cumpre o 25 aniversario do asasinato, o Goberno de España estea pactando con Bildu a Lei de memoria democrática. A lei Bildu non é memoria nin é democracia”, concluíu.