Ourense Cidade

Os populares instan ao alcalde a cumprir co pago pendente a provedores

'A ausencia dun orzamento aprobado agrava máis a situación' conclúe Ana Mendez.

Óscar Gómez

Ourense |

Os populares instan ao alcalde a cumprir co pago pendente a provedores | onda cero

O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao vindeiro pleno do mes de xullo unha moción para instar ao alcalde a cumprir de forma inmediata co pago pendente a provedores, despois de que os últimos datos publicados (abril 2024) reflictan que o Período Medio de Pago do Concello alcanza xa os 111 días cando a lei establece como prazo máximo 30 días.

“Este atraso nos pagos non só afecta á solvencia operativa das empresas, (moitas delas locais) que prestaron os seus servizos, senón que tamén pon en perigo o emprego de moitos cidadáns que dependen delas”, denuncia a concelleira Ana Méndez.

Os populares solicitarán tamén no vindeiro pleno que se cumpra urxentemente o pago das remuneracións aos traballadores municipais, pois tamén están sendo prexudicados pola falta de pago. “É unha grave falta de respecto e consideración que os profesionais que traballan para manter o funcionamento dos servizos públicos e esenciais e que dedican o seu tempo e esforzo en servir aos cidadáns sofran esta situación insostible”, critica a edil.

Por outra banda, a popular insiste na importancia de aprobar os orzamentos, algo que o Partido Popular volverá a esixir no salón de plenos: “Estar sen un marco financeiro claro e definido dificulta máis a grave situación económica que atravesa o Concello de Ourense porque é imposible levar a cabo unha xestión eficiente e responsable dos recursos públicos”, asegura.

Nesta liña, a edil pon como un exemplo claro e recente desta mala xestión as luces de Nadal. “O alcalde ten sen pagar aínda as luces do ano pasado pola súa falta de planificación e a súa desorganización”. “Por suposto, solicitaremos o venres que as pague”, engade a Ana Méndez.

“Antes de facer novos contratos o PP ímoslle esixir ao alcalde que pague as débedas do Concello, porque quen traballa ten que cobrar”, conclúe a concelleira.