Pontón " o BNG é a única garantía para que non goberne a dereita en Ourense"
Advirte que o PP non dubidará en volver apoiar ao “alcalde letal” con tal de manterse no poder, sen importarlle sacrificar á cidade catro anos máis.
A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou o Campus universitario de Ourense, onde destacou que o BNG é a única garantía de que a cidade das Burgas pasa páxina ao desastre dos últimos aos e abre un tempo novo a partir do 28 de maio porque o PP, advertiu, non dubidará en aliarse co “alcalde letal” con tal de manterse no poder.
“Fixérono hai catro anos e se volven necesitalo despois do 28M volverán facelo sen importarlles sacrificar Ourense outros catro anos, por iso o BNG é única a garantía de que a dereita, nunha versión ou noutra, non vai gobernar nesta cidade. Dicímolo con toda clareza e coa convicción, ademais de que temos un proxecto ilusionante que ofrecerlle ás veciñas e veciños de Ourense encabezado por Luís Seara”, explicou.
“Ofrecemos a única alternativa que garante que vai haber un proxecto que poña en marcha todo o potencial que ten a cidade, que colabore para crear novas sinerxías coa universidade, para construír unha cidade con máis forza e orgullo, capaz de aproveitar todo o seu potencial. Entendemos que para o futuro de Ourense e o futuro de Galiza a universidade pública é fundamental”, recalcou minutos antes dun encontro co alumnado universitario no Campus ourensán.
E para facer posible ese cambio, Pontón apelou á “rebeldía” da mocidade. “Temos unha proposta sólida, un excelente candidato e un equipo preparado para devolverlle un rumbo claro a Ourense. E con esa ambición tendémoslle a man aos mozos e mozas que, estou convencida, queren un Ourense mellor, queren recuperar o orgullo de ser desta cidade”.
Unha apelación á mocidade na que tamén incidiu o candidato á Alcaldía. Luís Seara amosou o seu convencemento de que “será motor de cambio capaz de alterar o guión”, indicou. “De ter que facer un resumo das políticas municipais para a xente moza, bastarían dúas palabras: encefalograma plano, nada en relación coa mocidade, de feito, até se desmantelou a concellería de xuventude. Hai que recuperar unha oferta cultural potente para a mocidade e facer que se sinta co partícipe nas decisións políticas da cidade”, indicou.
matrícula universitaria gratuíta no curso académico 2023-2024
“Ourense ten enormes valores e calidades e nós queremos ser o acelerante para que esta cidade recupere orgullo, recupere posicións e que sexa noticia polo bo facer e non polo que todas e todos xa sabedes”, recalcou Pontón, quen aproveitou o seu encontro cos e coas universitarias para avanzar as propostas que o BNG vai levar ao Parlamento para axudar ás familias a sufragar os gastos en educación no actual contexto de crise de prezos, co obxectivo de que ningún mozo ou moza vexa interrompidos os seus estudos por falta de recursos económicos. Entre esas propostas: primeira matrícula universitaria gratuíta no curso académico 2023-2024 e bolsas anticrise.
“No BNG preocúpanos que a situación de crise económica trunque as expectativas de moita xente moza, o seu soño de ir á universidade ou que deixe os seus estudos, porque a mellor inversión que podemos facer como sociedade é investir en educación, un arma poderosa de transformación social”, explicou Pontón, tras destacar que ela mesma procede “dunha familia humilde, traballadora que puiden estudar grazas a universidade pública”.
Obxectivo: que ninguén abandone os estudos pola crise
Coa escalada de prezos que lastra ás economías familiares, o BNG defenderá na Cámara dúas medidas concretas. Por un lado, poñer en marcha bolsas extraordinarias anticrise por importe de 32 millóns de euros, destinadas tanto ao ensino obrigatorio como ao ensino universitario.
“Estariamos falando dunha bolsa extra para aquelas familias que teñan unha renda per cápita inferior a 12.000 euros, con subvencións entre 200 e 500 euros”, explicou Pontón, “unha axuda importante para salvagardar o dereito á educación”. A segunda proposta consiste na gratuidade da primeira matrícula universitaria no vindeiro curso académico, e para evitar que as universidades perdan ingresos serán compensadas cunha partida específica para tal fin con cargo aos orzamentos da Xunta.
Goberno do PP sen iniciativa
“Son medidas para salvagardar unha das grandes conquistas que temos e evitar que ninguén se quede atrás pola crise, porque a universidade é un ascensor social pero hai moitos datos que nos indican que ese ascensor está parado e non podemos permitir que esta crise tamén se leve por diante os soños de moitos mozos e mozas que precisamos neste País para construír un futuro mellor”, explicou Pontón.
“Desde o Bloque temos claro que o futuro pasa porque poñamos en marcha unha sociedade do coñecemento coa educación como un piar básico, e aí sempre estará o BNG”, recalcou antes da súa charla co alumnado do Campus ourensán.
Neste sentido, Pontón recriminou ao PP que non teña adoptado ningunha medida malia a escalada inflacionista. “É lamentable ver a un Goberno do PP incapaz de tomar ningunha medida extraordinaria para axudar ás familias cuxos fillos e fillas están a cursar estudos, este goberno ten que deixar de arrastrar os pés porque o obxectivo é evitar que nin un só mozo ou moza deixe de estudar pola crise”, concluíu.