Sanidad

Pontón anuncia que o BNG levará ao Parlamento un plan para rescatar a sanidade de Ourense

Pontón critica a política propagandística da Xunta ao anunciar o inicio da reforma do Materno cando nin sequera incluíu esta actuación nos Orzamentos de 2025.

Óscar Gómez

Ourense |

Pontón anuncia que o BNG levará ao Parlamento un plan para rescatar a sanidade de Ourense | Onda Cero

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG levará ao Parlamento “un plan para rescatar a sanidade pública de Ourense” do lamentable estado na que a situou un Goberno do PP convertido “nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas” cos seus recortes e privatizacións.

Un plan que inclúe medidas tanto no ámbito hospitalario como na Atención Primaria, coa concreción por parte da Xunta de compromisos e prazos efectivos para a construción dun novo hospital Materno Infantil do CHUO, o desbloqueo das obras de ampliación da área de hospitalización que levan seis meses paralizadas, a dotación dunha UCI coas camas e o persoal sanitario necesario, así como o reforzo de medios e profesionais na Atención Primaria, que sofre a maiores os problemas derivados dunha mala planificación na construción do Centro Integral de Saúde (CIS).

As mulleres de Ourense teñen que vir a parir a un hospital que se cae a cachos

Así o avanzou a líder nacionalista ao pe dun Materno Infantil “que cae a cachos” e no que exemplificou as nefastas consecuencias das políticas de acoso e derrubo do Executivo de Alfonso Rueda á sanidade pública, nun acto no que estivo acompañada polo portavoz municipal, Luís Seara, o deputado ourensán Iago Tabarés e a portavoz parlamentaria de Sanidade Hospitalaria, Iria Carreira.

“As mulleres de Ourense teñen que vir a parir a un hospital que se cae a cachos”, denunciou Pontón, quen advertiu que a lamentable situación na que se atopa o Materno non é nova, xa que previamente xa rexistrara outros tres derrubamentos, o que cualificou como unha auténtica “irresponsabilidade da Xunta”.

Ao grave deterioro da área Materno Infantil, sumou o recente asolagamento do edificio Cristal na zona de atención aos pacientes o que demostra até que punto estas infraestruturas sanitarias “están obsoletas” e sofren “situacións dantescas” sen que, advertiu, o Goberno do PP achegue ningunha solución.

Neste sentido, a portavoz nacional criticou ao PP a súa “política de parches”, que non deixa máis que “chapuzas que paga a cidadanía de Ourense”, e a súa estratexia propagandística, ao anunciar compromisos que logo nunca cumpre.

Tal é o caso das obras de ampliación da área de hospitalización do CHUO, que levan medio ano paralizadas, das moitas promesas sobre unha UCI que ten menos camas das que tiña e sen a dotación de medios e profesionais que precisa ou co propio hospital Materno Infantil, cuxa reforma o Executivo de Rueda anunciou comezar en 2025 pero nos presupostos da Xunta para este ano consignáronse “cero euros para poder facer ese proxecto”, denunciou.

Pontón recalcou que a situación na que se atopa a sanidade pública galega “non chega por casualidade”, senón logo de “16 anos de recortes e privatizacións” dun Goberno do PP que, a maiores, “discrimina” á cidadanía de Ourense ao non estar tendo “a atención hospitalaria que merece en pleno século XXI”.