O P.P. planta o Psoe na reunión para falar da gobernalidade da cidade
Os socialistas afirman que ao PP “caeulle a careta” e que “xa non valen as escusas”, polo que sinalan que Feijóo, Rueda e Baltar “son os únicos responsables de seguir mantendo na alcaldía a un señor que avergonza á cidadanía de Ourense”
O PSdeG-PSOE de Ourense cualifica o desplante do Partido Popular no día de hoxe para falar sobre a gobernabilidade da cidade de Ourense, tralos últimos acontecementos sucedidos pola agresión do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a sindicalista, Lola Panero, como unha falta “total” de respecto dos populares á cidadanía de Ourense. Os socialistas afirman que o PP de Feijóo, Rueda e Baltar “quitou a carauta” e amosa que non teñen “vontade” para falar e dialogar sobre os problemas que se viven na cidade de Ourense da man dun alcalde que eles mesmos colocaron na cadeira de mando, sendo a terceira forza política nas eleccións municipais de 2019.
Unha delegación dos e das socialistas formada por membros da dirección galega e da de Ourense, acudiu hoxe á xuntanza convocada co Partido Popular, coa finalidade de perfilar un acordo que permita desaloxar a Gonzalo Pérez Jácome da alcaldía da terceira cidade de Galicia. Ao encontro, que tivo lugar no hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela, asistiron, entre outros, o secretario provincial e voceiro no Concello de Ourense, Rafa Villarino, e a secretaria da agrupación municipal e vicevoceira no Concello de Ourense, Natalia González. Estiveron acompañados polo secretario de organización da executiva nacional do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas.
A secretaria local da executiva municipal do PSdeG-PSOE de Ourense na cidade, Natalia González Beneitez, apuntou a que o PP “ausentouse” a esta xuntanza para falar da cidade, amosando a súa “falta de vontade para devolverlle a Ourense a súa dignidade”. A vicevoceira socialista no Concello de Ourense tamén subliñou que dende o PSOE “tentamos chegar a entendementos para evitar a grave situación coa que nos atopamos en Ourense, pero tralo desplante do PP entendemos que a cidade non ten saída política por culpa do enroque dos populares, que hipotecan a cidade un ano máis con Jácome de alcalde e eles de comparsa”.
González Beneitez fixo fincapé en que “hoxe é un día triste para Ourense e no que queda de manifesto que non hai saída política por culpa da falta de altura de miras do PP”. A edil socialista apuntou a que “é evidente en toda Galicia que a nosa cidade converteuse nun esperpento dende que o PP colocou a Jácome ao fronte da alcaldía da terceira cidade de Galicia” e afirmou que “non sabemos que máis ten que pasar para que o PP tome as rendas da situación e deixe de primar os seus intereses persoais e económicos por riba do ben dos veciños e veciñas da cidade”. Por último quixo destacar que os socialistas “seguiremos a traballar para dar unha alternativa de goberno a Ourense”.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, puxo o foco en que o PSdeG-PSOE “volve a tender a man para chegar a un acordo na cidade, vendo que o cambio é posible, pero todo pasa porque o PP abandone a deriva que leva mantendo dende que comezou o mandato”. Neste senso o voceiro socialista no Concello de Ourense tamén sinalou que o Partido Popular, “por respecto a Ourense ten que sentarse polo menos e buscar unha saída, cando temos un alcalde que está procesado por un delito de supostas calumnias e que acaba de cometer unha agresión”.
Rodríguez Villarino tamén afirmou que o PP “é o único responsable de que Jácome estea gobernando, tras apoiar a terceira forza política tralas municipais, co único obxectivo de que non goberne o PSOE, que foi a forza que gañou as eleccións”. O líder dos socialistas ourensáns sinalou que os populares “son os únicos responsables do que está a acontecer na cidade e todo o mundo sabe en Ourense, que a única posibilidade de darlle unha saída e dignidade á cidade pasa porque un concelleiro ou concelleira do PP asine a moción de censura”.
Pola súa banda, o secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, apuntou que “hoxe lle caeu a careta a Alfonso Rueda”, logo de que o PP renunciara a acudir a unha xuntanza para depoñer a Jácome da alcaldía de Ourense. “Hoxe xa non valen escusas”, sentenciou antes de sinalar que “Alfonso Rueda é o responsable de que o PP siga mantendo na alcaldía de Ourense a un señor que avergonza á cidadanía, non se lle pode pedir ao PSdeG ningún tipo de responsabilidade”. Lamentou que coa súa ausencia teñan demostrado que “o que menos lle preocupa son os intereses dos ourensáns”.
Lage Tuñas tamén fixo fincapé en que ao PP “caeulle a careta en 48 horas, despois dos fastos, da publicidade e da propaganda, logo de encumbrar a Rueda como presidente da Xunta, vemos que a forma de proceder é a mesma”. O seu único obxectivo, engadiu, é “que non goberne o Partido Socialista, o resto son contos ou contiños, neste caso co señor Rueda son contiños”. O secretario de organización dos socialistas galegos tamén explicou que o PSdeG acudiu á xuntanza de hoxe “sen ningún tipo de condicionante, non lle dixemos quen ten que ser alcalde ou alcaldesa, que cambios queremos na Deputación, non puxemos nomes sobre a mesa” e sinalou que “o único que fixemos foi emprazar ao PP a resolver a indignidade de Ourense, e a súa resposta é a cadeira baleira”.