Ourense Provincia

Plan para unha senda termal entre Ribadavia e as Termas de Prexigueiro

Con esta actuación preténdese mellorar a conectividade entre o centro histórico da vila e este espazo termal, recuperar puntos degradados da paisaxe, aumentar a atracción turística e dinamizar a comarca do Ribeiro.

Óscar Gómez

Ourense | 24.01.2023 08:01

Plan para unha senda termal entre Ribadavia e as Termas de Prexigueiro | onda cero

Esta actuación, que constitúe o concepto pioneiro de “sendeiro termal”, sitúase no marco do Plan de Sostenibilidade Turística (PST) en “Ourense Termal” e ten por obxectivos mellorar a conectividade entre ambas localizacións, recuperar diferentes puntos degradados da paisaxe, e ofrecer un produto complementario que aumente a atracción turística.

No marco da comisión do seguimento do PST en “Ourense Termal” -plan realizado coa colaboración de Deputación, Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo-, apostouse por priorizar este sendeiro termal pola importancia que teñen as termas de Prexigueiro no conxunto do ecosistema termal da provincia -contando cuns 50.000 usuarios anuais-. Este espazo recreativo provoca a desestacionalización e diversificación do turismo, polo que é importante unha boa conexión entre este punto e a vila de Ribadavia, aumentando o número de visitantes e dinamizando a comarca do Ribeiro e a súa capital. Tamén se espera con esta actuación que se produza un aumento das inversións privadas para a ampliación da capacidade de aloxamento da zona.

Plan Director do sendeiro termal de Prexigueiro | onda cero

Senda termal de 5 quilómetros

A senda termal terá unha distancia aproximada de 5 quilómetros, dos que só a metade son transitables na actualidade -entre Ribadavia e Francelos-. Na outra metade existe un crecemento da vexetación que impide o paso. O proxecto tamén recolle a recuperación de certos tramos do antigo camiño medieval, polo que se poderán poñer en valor os vestixios históricos existentes neses treitos antigos.

A construción da senda termal forma parte da aposta da Deputación de Ourense polo turismo e o deporte sostibles como principais elementos dinamizadores da actividade económica; a cultura e o patrimonio como elementos característicos da identidade propia de Ribadavia; a socioeconomía como reflexo da dimensión social e da vinculación ao territorio; e o medio ambiente como factor diferencial, recurso patrimonial, paisaxístico e económico.

O plan director, xa na última fase de redacción, ten como eixos fundamentais os elementos antes citados -turismo, deporte, cultura, patrimonio e medio ambiente-. Este traballo previo de planificación conta coa participación dun equipo multidisciplinar formado por profesionais do ámbito da xeografía, paisaxismo, ciencias ambientais, urbanismo, cultura e patrimonio, turismo, economía e participación cidadá.

Obxectivo do Plan de Sostenibilidad Turística en Ourense Termal

O Plan de Sostenibilidad Turística en "Ourense Termal" é froito dun convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, a través do cal, investiranse máis de 3 millóns entre o 2022 ao 2024, para lograr a transformación competitiva dos 15 municipios rurais termais de Ourense.