Turismo

O plan camiña mantén a aposta pola modernización de aloxamentos e restaurantes

A directora de Turismo de Galicia visitou un dos establecementos que se beneficiaron da convocatoria do ano pasado dunha liña de axudas que ten como obxectivo reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro e de calidade cunha oferta competitiva

A convocatoria para este 2022 está dotada con 2M€ que permitirán ao sector seguir modernizando as súas instalacións en aspectos relacionados coa eficiencia enerxética, accesibilidade ou calidade

A axuda enmárcase no Plan Camiña, na que se inxiren medidas destinadas a apoiar ás empresas do sector turístico

Óscar Gómez

Ourense | 11.02.2022 08:10

O plan camiña mantén a aposta pola modernización de aloxamentos e restaurantes | onda cero

A directora de Turismo de Galicia achegouse ata Allariz para visitar as obras de reforma levadas adiante no Hotel-Restaurante Alarico como exemplo de modernización e renovación das infraestruturas turísticas levado adiante ao abeiro das axudas para financiar melloras nas infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración do ano pasado. En concreto, este establecemento recibiu unha axuda de 20.350 euros para acometer unha reforma interior. Trátase dun dos 168 establecementos turísticos que se beneficiaron desta orde de axudas, 18 deles na provincia de Ourense – 12 aloxamentos e 5 restaurantes-.

A directora de Turismo de Galicia aproveitou para lembrar que xa está aberta a convocatoria desta orde de axuda para 2022, dotada con 2M€ e que o prazo de solicitude será dun mes a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal/.

“Seguimos do lado do sector, como fixemos sempre, impulsado a innovación no sector e promovendo a súa accesibilidade e sustentabilidade co obxectivo de consolidar unha oferta turística de calidade que sexa a marca de referencia e diferenciación do noso modelo turístico”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

Axudas ata 50.000€

A resolución recolle un importe máximo por solicitude de ata 50.000 euros que se pode destinar a actuacións como mellora da accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, obras nas instalacións para obter certificacións de calidade como a Q de calidade turística ou para que o establecemento suba de categoría, a renovación e a modernización do local xunto co embelecemento da contorna, a adquisición de equipamentos mobles necesarios para o seu funcionamento, medidas de aforro enerxético con actuacións na climatización ou nos sistema de extracción e renovación de aire, avances na dixitalización dos sistemas de comercialización e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

Os beneficiarios poderán ser establecementos turísticos de aloxamento -locais hoteleiros, campamentos de turismo, casas de turismo rural, apartamentos e albergues turísticos- e negocios de restauración co obxectivo de consolidar unha oferta turística de calidade e competitiva.

Esta liña de axudas encádrase no marco do Plan Camiña na que se inclúen liñas de axuda e accións para a adaptación e reactivación do sector turístico galego, con accións específicas para as empresas do sector que se destinarán para a mellora dos establecementos turísticos, o incremento da calidade, a aceleración de iniciativas turísticas e a formación e profesionalización do persoal, entre outras.