TURISMO ENOGASTRONÓMICO

Ourense, protagonista da experiencia enogastronómica que ofrece o Inorde en Xantar 2021

Baixo o título “Ourense, destino enOUgastrómico”, o restaurante do Inorde da 22ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico amosará aos visitantes a calidade da provincia como destino turístico

Óscar Gómez

Ourense | 02.11.2021 08:41

Ourense, protagonista da experiencia enogastronómica que ofrece o Inorde en Xantar 2021 | onda cero

O Inorde ofrecerá en Xantar 2021, unha experiencia enogastronómica única a base de produtos locais onde a nosa provincia será a principal protagonista. Baixo o título ““Ourense, destino enOUgastrómico”, o restaurante do Inorde da 22ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico amosará aos visitantes a calidade e a riqueza agrícola e gandeira da provincia a través dun menú elaborado con produtos de Cuevas, Coren e das 30 empresas participantes no proxecto europeo de dixitalización Red Agriconect 4.0 do que o Inorde é socio.

O menú está elaborado con produtos locais das 30 empresas participantes no proxecto Agriconect porque “cremos que é importante darlle aos nosos pequenos produtores o altofalante que precisan, e porque consideramos que os produtos da nosa terra son perfectos embaixadores de Ourense”, destacou o presidente do Inorde, quen lembrou que “tamén estarán con nós Cuevas e Coren, os nosos aliados desde hai moitos anos que nos acompañan en cada Xantar para poder ofrecer aos comensais produtos “kilómetro cero” e que son exemplo de sustentabilidade”.

O menú, deseñado en colaboración co chef Carlos Parra, proponse como unha experiencia gastronómica única que ten como fío condutor a Ourense. Con ingredientes de excepcional calidade, os comensais que visiten o noso restaurante poderán degustar: xamón selecta Coren, tomate recheo de requeixo e labras de lacón, empanada de solombo e shitake, fabas lobas de San Martiño, xarrete de tenreira ó viño mencía con puré de patacas e castañas Cuevas ou polo ecolóxico Coren con boletus, Castañas Cuevas en almíbar con crema de limón e leite frito con mel. Acompañadas polo famoso pan de Cea e os viños das adegas das catro Denominacións de Orixe da provincia anteriormente citadas. O prezo do menú será de 29 euros, pero haberá un desconto especial para grupos que poderán degustalo por 25 euros o mércores e o xoves pola noite.

As empresas ourensás que se unen ao Inorde para ofrecer esta experiencia enogastronómica única son os tradicionais aliados como Cuevas que achegará as súas exquisitas castañas e Coren o seu xamón, lacón e polo ecolóxico. Así mesmo, participará tamén a Vaquería da Limia que proporcionará o xarrete de tenreira, protagonista dun dos pratos incluídos no menú, e a explotación ovino e caprino que achegarán estas carnes. As conservas procederán da empresa Conservas do Támega.

Os produtos de horta como froitas e verduras correrán a cargo de Castañas Rafael, Legufrut Agro e Vilaberries SAT. As setas, protagonistas dun dos pratos do menú, serán de Shiitake Trives. E, as patacas, procederán de Patatas Fritas Guays, Patatas Ama e Patatas Puga Verín. As castañas, produto estrela de calquera prato ourensá outonal, serán subministradas, ademais de por Cuevas, por Amarelante, Pecado de Outono, e Castañas Petelo. Ademais, Fitoagraria, que ofrece produtos de agricultura, e gandería, tamén estará presente.

Os ingredientes lácteos que se empregarán na elaboración de ditos pratos serán da Cooperativa Santa María de Loureiro. Pola súa parte, Soluciones técnicas Esdinela participará coa súa cosmética natural e marmelada. Tamén no apartado doce contaremos coa mel de Abella Obreira.

A perfecta maridaxe entre os selectos pratos servidos con viños de calidade das catro Denominacións de Orixe, poderase producir grazas a participación das seguintes empresas vitivinícolas adheridas ao Agricnect: Adegas Celme , Benigno Rios Mosquera, Adega Pazo do Mar, Adegas Valdavia, Vinos Antonio Montero, José Antonio Rodríguez Fernández, Adega Alecrín, Carlos Caneiro Núñez, Bodega Cooperativa Virgen de las Viñas, Adega Cachín, Gargalo, e José Antonio Da Silva Pereira. E, os licores, serán de Ecos da Pedra.

A presenza ourensá tamén se apreciará, ademais de no menú, nos detalles que engloban ao propio restaurante “para ofrecer esa experiencia enogastronómica única e completa, que aprecia os detalles e que traslada a imaxe integral de Ourense, desde os alimentos á propia mantelearía”, explicou Emma González. As mesas preparadas no restaurante do Inorde estarán cubertas por “mantelería artesanal realizada a base de liño do obradoiro alaricano Rir&Co, un dos nosos exemplos de economía circular, e contaremos con pezas para servir algúns pratos que foron elaboradas no Obradoiro de Niñodaguía”, engadiu a xerente do Inorde.

Actividades paralelas

En paralelo ao restaurante, como novidade contaremos cunha exposición destes produtos das 30 empresas participantes no proxecto europeo de dixitalización do sector agroindustrial Red Agriconect 4.0, procedentes de todas as comarcas da provincia, para establecer “esa conexión entre o sector produtivo da agricultura e a gandaría e o consumidor final”, sinalou Rosendo Fernández.

Ademais, desde o Inorde “aproveitaremos para este Salón Internacional, para presentar ante prescriptores como poden ser os bloggers gastronómicos, a marca turística da nosa provincia que será estreada nesta celebración que terá lugar do 3 ao 7 de novembro.