Ourense prepárase para celebrar “o mellor Entroido da historia”
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, presentou a programación de actividades xunto cos representantes dos Entroidos dos barrios das Eiroás, da Ponte e de Seixalbo.
A cidade de Ourense prepárase para celebrar “o mellor Entroido da súa historia”. Así o asegurou o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que presentou, xunto aos organizadores dos entroidos das Eiroás, de Seixalbo e da Ponte, a programación de actividades organizadas polo Concello para “a grande festa da cidade”.
Pérez Jácome puxo en valor a importancia e potencial da cidade na celebración desta festa: “Ourense é capital do Entroido en todo o Norte de España”, asegurou, avanzando que o de 2023 “vai ser un Entroido espectacular. O do ano 2022 foi o mellor da historia, e o de 2023 vai ser aínda mellor”. O alcalde destacou a ampla oferta de actividades programadas desde o 16 ao 22 de febreiro para celebrar unha festa “forte, potente e homoxénea durante os 7 días”, que contará con actividades para todos os públicos, grupos, orquestras e DJ top, dentro dunha aposta do Concello por “potenciar os 4 entroidos de forma moi forte, tanto na cidade como nos barrios”.
Entre as actividades, avanzou que o Concello reforzará o Xoves de Comadres, cunha “noite rompedora no casco antigo”, na que “as universitarias van tomar o mando da noite ourensá”. Do venres, destacou o desfile escolar e o dos Entroidos da provincia, que percorrerá o casco antigo da cidade desde as 19.30 horas. O sábado de Entroido, asegurou, a de Ourense será “a noite de máis marcha de toda Galicia e do norte de España”, para a que agarda a presenza de 20.000 persoas con 4 “puntos quentes”: a Alameda, a Praza Maior, Santa Eufemia e a Praza do Corrixidor”.
O domingo, a cidade acollerá un dos desfiles “máis longos e potentes da historia”, desde As Lagoas, Xoán XXIII, Progreso até a Alameda, e posteriores actuacións do grupo de versións Assia (19 e 21.30 horas), King Africa (19.30) e a gala de entrega de premios (20 h).
O luns continuarán as propostas, e a de Ourense, avanzou, “volverá ser a noite máis potente en marcha do norte de España”. O martes 21, Martes de Entroido, haberá novas propostas para todos os públicos, incluída unha degustación gratuíta de 10.000 orellas de Entroido para as persoas que vaian disfrazadas, antes da actuación de París de Noia.
O programa rematará o mércores, coa actuación ás 19h de Queiman e Pousa e, ás 20h, o Enterro da Sardiña: Haberá procesión desde a Praza Maior até o Parque de San Lázaro, onde volverá rematar logo do bo resultado do ano anterior, coa queima do meco.