Ourense pionera nun proxecto piloto de refuxio climático
Ourense será a primeira cidade galega na que se recorra á plantación de árbores e a outras solucións naturais para combater os efectos do quecemento global.
Concello de Ourense e Xunta de Galicia colaboraran para o deseño e execución dun proxecto piloto de refuxio climático na cidade ao que se destinará un investimento total de 450.000 euros. Nesta acción conxunta, que se enmarca no Plan galego de refuxios climáticos, o Executivo galego aporta o financiamento e o concello deberá colaborar na elaboración do mapa de illas de calor e de refuxios climáticos na cidade de Ourense así como na creación de proxecto piloto de refuxio climático.
Aínda que a capital ourensá será a primeira cidade na que se recorra á plantación de árbores e a outras solucións baseadas na natureza para combater os efectos do quecemento global, os resultados desta iniciativa trasladaranse despois ao resto de concellos galegos para que poidan avalialos e replicar o modelo ou adoptar solucións semellantes no seu ámbito de actuación.
O deseño do mapa de illas de calor e refuxios climáticos no municipio correrá a cargo da Universidade de Vigo -ao abeiro dun convenio subscrito coa Xunta con este fin- e o deseño e execución do proxecto piloto de refuxio climático corresponderá aos Executivos autonómico e local.
A responsable autonómica, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, explicou que o fin último é crear contornas amables e adaptar zonas urbanas coa aposta por máis espazos naturais e menos infraestrutura gris contribuíndo así a elevar o benestar da cidadanía.
O mapa que se vai elaborar en Ourense permitirá identificar cales son as illas de calor da cidade -as zonas coas temperaturas máis altas do concello-, os refuxios climáticos existentes -áreas frescas, verdes e con arborado que poidan ser empregadas pola poboación en episodios de temperaturas elevadas- e as zonas de preservación da biodiversidade, que poden coincidir co ámbito dalgún refuxio climático.
A conselleira incidiu en que esta información é especialmente importante para episodios de vagas de calor como as que se rexistran no verán e que impactan na saúde das persoas, especialmente naquelas que viven nas cidades polo efecto illa de calor, o fenómeno que se produce polo efecto da radiación solar e a súa multiplicación ao impactar no asfalto e no formigón.