Ouff 2021

O Ourense Film Festival "un homenxe a todos os que da cidade e da provincia fixeron unha terra de cine"

Na presentación certame audiovisual, o presidente da Deputación afirmou que o rigor e calidade do OUFF “reflíctese nestes 26 anos, edicións máis que suficientes para mirar con moito optimismo cara o futuro"

Óscar Gómez

Ourense | 21.09.2021 18:48

O Ourense Film Festival "un homenxe a todos os que da cidade e da provincia unha terra de cine" | Onda cero

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu a presentación da 26 edición do Ourense Film Festival, “que representa unha homenaxe a todos aqueles que fixeron desta cidade e desta provincia unha terra de cine, berce da cultura, da reflexión, da innovación e da vangarda”, dixo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nun acto no que anunciou que engadirá ás funcións da deputada de Cultura, Patricia Torres, a responsabilidade de produción audiovisual, “título que non existe na nosa contorna nacional e que reflicte perfectamente o carácter de Ourense como porta de entrada do cinema de Galicia”.

O rigor e calidade do festival, dixo, “reflíctese nestes 26 anos, edicións máis que suficientes para mirar con moito optimismo cara o futuro, comprobando como Ourense gañou visibilidade organizativa en todo este tempo e como se nos coñece en San Sebastián, en Almería, Alacante ou Málaga, onde os presidentes dos seus respectivos gobernos provinciais tamén apostan con decisión polos seus certames”. O festival, engadiu Manuel Baltar, “achega a Ourense unha personalidade propia, un espello da cultura que tan fundamental é para esta Deputación, como así quedará demostrado na inauguración e na clausura, coa proxección de senllas producións rodadas en Ourense”.

Na súa intervención quixo poñer de relevo que para facer realidade esta nova edición “contamos cun colaborador imprescindible como a Fundación Carlos Velo, que homenaxea a un dos grandes de Ourense como berce do cinema en Galicia”, agradecendo tamén ás entidades colaboradoras o seu compromiso co festival e felicitando á dirección do OUFF e á área de Cultura da Deputación polo traballo desenvolvido”.

No acto de presentación do Festival Internacional de Cine de Ourense, que comezará o próximo venres, día 24 e rematará o sábado, 2 de outubro, tamén participaron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte; o director do certame, Miguel Anxo Fernández; Rubén Saavedra, director territorial de Abanca; e o director de La Región, Xosé Pastoriza.

Román Rodríguez felicitou ao festival por esta 26 edición “cando hai moi poucos proxectos culturais na Galicia contemporánea que poidan pasar as vodas de prata con brillantez, e onde se comproba a grandísima identificación coa cidade e a provincia de Ourense e a notable implicación público-privada”. Unha iniciativa, afirmou, “moi importante para un sector tan puxante na cultura galega como é o audiovisual, nun momento de esplendor creativo e de madurez, e con recoñecemento nacional e internacional”. Unha aposta clara, sinalou, ”pola industrialización e a modernización dun sector que en Galicia dá traballo a máis de 2.000 persoas, con máis de 130 empresas e que xera ingresos superiores aos 127 millóns de euros”.

Carmen Leyte, que recordou “o empeño de Manuel Baltar para que continuase o festival más antigo e importante de Galicia”, destacou a entrada en escena do OUFF da Fundación Carlos Velo “cos seus obxectivos claramente impulsores do audiovisual galego, seguindo o imaxinario do cineasta de Cartelle, e recollendo con responsabilidade e orgullo a organización e xestión do festival”.

Miguel Anxo Fernández, pola súa banda, foi o encargado de detallar o contido do programa “dun certame que este ano reforza a condición de xurado internacional da sección oficial, con representantes de México, Uruguai, Portugal e España, así como coa cinematografía de Portugal e de México, que se suman á comezada con Francia na pasada edición, ademais da concesión da Calpurnia de Honra Internacional á actriz lusa Leonor Silveira ”, subliñando ademais que “dos 71 filmes de diferente formato que compoñen esta edición, 33 teñen participación galega”.

Na web ouff.org están dispoñibles todos os detalles da programación e actividades do 26 Festival Internacional de Cine de Ourense.