O Concello de Ourense creará un MetroBus que conectará a cidade
Dúas liñas elípticas unirán o Norte e o Sur da cidade, efectuando paradas en puntos diversos para achegar a cidadanía a servizos públicos coma o cemiterio, o Auditorio, a Biblioteca, o Xulgado...
O Concello implantará o MetroBus na cidade, con dúas liñas circulares express de alta frecuencia, con servizos cada cinco minutos. Así, o rexedor afirma que se cambiarán algunhas das actuais liñas regulares de autobús por un metro-virtual, de superficie, baseado nos transportes de alta frecuencia.
“A licitación da nova concesionaria realizarase este mesmo ano 2021, e debería estar plenamente operativa en decembro de 2022”, asegura Pérez Jácome. Así, o MetroBus creará 2 elipses de ida e de volta nas vías más concorridas do núcleo urbano:
Centro-Norte (Centro-Estación Tren), que cruzará a ponte Nova e volta pola ponte do Milenio.
Centro-Sur (Centro-Residencia), pola rúa do Progreso e volta pola de Pena Trevinca.
Con este novo sistema de transporte, o alcalde confía en que se reduza unha enorme porcentaxe da circulación de vehículos privados e, como consecuencia, a necesidade de estacionar e o conseguinte aforro para o petos dos cidadáns. Ademais, contribuirase á redución das emisións de CO2.
Estas dúas liñas elípticas no só unirán o Norte e o Sur da cidade, senón que efectuará paradas en puntos diversos para achegar a cidadanía a servizos públicos coma o Cemiterio, o Auditorio, a Biblioteca, o Xulgado, o Pavillón... A escasos minutos andando dunha parada estará tamén o Campus Universitario, ademais de atravesar ou bordear outros barrios de Ourense.
O MetroBus servirá adicionalmente para baixar frecuencias de zonas urbanas do perímetro, que poderán unirse desde o exterior con servizos lanzadeira. Tal e como anunciou a Alcaldía nos últimos días, haberá tamén unha gran liña extracircular que una barrios sen necesidade de pasar polo centro.
O alcalde reuniuse esta mesma mañá con expertos en mobilidade e con profesionais (condutores) da empresa municipal de transportes para explicarlles a idea, que foi recibida de moi bo grao e cualificada de “xenial e revolucionaria”.