Ourense será a sede do Campionato de España de Atletismo de Veteranos, os días 26, 27 e 28 de novembro de 2021, organizado pola Real Federación Española de Atletismo. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, levou a iniciativa desta xestión xunto a Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo, e a Rogelio Martínez, xerente de Expourense, cuxas instalacións acollerán o evento deportivo.
A proba de veteranos, que inclúe 14 categorías masculinas e outras tantas femininas en bloques de 5 anos -a partir dos 35-, é unha das máis populosas do calendario atlético, con gran afluencia de atletas e acompañantes. O goberno municipal valora moi positivamente esta noticia: “Agardamos que máis aló da competición, este campionato teña un importante impacto na hostalería e no comercio local”, afirma o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.
O Concello de Ourense, mentres, buscará a colaboración, tanto organizativa como económica da Xunta de Galicia e da Deputación provincial para o desenvolvemento e o patrocinio do evento.