Cultura

O ourensan Jaime Fernandez presenta a BSO de "O home e o can"

O filme, patrocinado pola Deputación, estreouse na XXVII edición do OUFF e xa suma unha decena de galardóns e catro nominacións aos Mestre Mateo, que se entregarán o vindeiro 11 de marzo en Ourense.

Óscar Gómez

Ourense | 01.03.2023 08:06

O ourensan Jaime Fernandez prenseta a BSO de "O home e o can" | onda cero

Tivo lugar no Pazo Provincial a presentación da BSO do filme “O home e o can”, dirixido por Ángel de la Cruz e producido por Ézaro Films e Caladiño Filmes co apoio da Deputación de Ourense. O acto de presentación contou coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar; o director da película, Ángel de la Cruz; o compositor da BSO, o ourensán Jaime Fernández; e o produtor musical, Lolo Arrincón.

Na súa intervención, Manuel Baltar destacou que “esta comparecencia cinéfilo-musical ten que ver cunha produción rodada na provincia de Ourense, ademais coa música composta por un ourensán, o que incluso engrandece máis este produto cinematográfico que está a triunfar alá onde vai”.

O presidente do goberno provincial eloxiou a cantidade de premios que está a recibir “O home e o can”, “o último deles esta mesma fin de semana co gallo dunha xuntanza previa dos Mestre Mateo, que terán lugar o vindeiro 11 de marzo en Ourense como reflexo da fiel aposta pola produción audiovisual que fai este goberno provincial”.

Tras poñer en valor a traxectoria profesional de Jaime Fernández, Manuel Baltar salientou que “estamos a falar dunha persoa que sabe moi ben o que fai, que fixo este traballo cun mimo exquisito, que nos acompañará ao longo desta película tan íntima e tan ben rodada cunha esencia e unha filosofía recoñecibles que debemos aplaudir”. “Felicito a Ángel de la Cruz por ter pensado e ter feito este filme, sei que está moi contento co resultado final ao igual que todos os que a vemos”, destacou o presidente do goberno provincial.

Apoio da Deputación de Ourense

Por outra banda, Manuel Baltar defendeu “o apoio ineludible e contundente da Deputación a esta produción, á produción audiovisual en Ourense, sendo froito desa aposta que mantemos”. “Que veñan moitos máis froitos, que o seu director siga imaxinando para todos, e que nese maxín siga estando Ourense”, concluíu o presidente da Deputación.

Ángel de la Cruz comezou a súa intervención agradecendo á Deputación “por acollernos unha vez máis e por ter participado da nosa man co apoio económico e humano para botar a andar este proxecto, rodalo na provincia de Ourense e tamén estrealo no Festival de Cine de Ourense, onde recibimos o noso primeiro premio”.

“Cando pensei esta película, víaa como algo humilde e pequeno, pero precisamente é iso o que creo que a fai grande. Estou encantado co resultado, en todos estes anos de oficio é esta a película cuxo resultado máis se parece ao que tiña na cabeza cando escribía o guión”, celebrou o director.

“Durante a rodaxe contactei con Jaime, ao que coñezo desde fai moito, porque escoitando a súa música pensaba que era o que necesitaba unha película minimalista coma esta. Creo que é a mellor música que podía ter, ademais cunha inspiración en Ourense”, explicou o director do filme, que tamén resaltou que “o conxunto de todo isto fai que a película estea funcionando incluso antes da súa estrea comercial, prevista para dentro dun par de meses, e que teñamos xa dez premios e catro nominacións aos Mestre Mateo”, rematou Ángel de la Cruz.

Pola súa parte, o produtor musical, Lolo Arrincón, explicou que “a música de Jaime engaiolounos, a sinxeleza coa que a fai e como encaixa coas situacións da película. Todo o que Ángel tiña na cabeza para o guión está transmitido pola música, e así o reflexan todos os premios que está a recibir”. “Esta película e a súa música teñen moito percorrido”, concluíu Lolo Arrincón.

“É unha película que hai que ver e escoitar co corazón”, sinala o compositor ourensán

Finalmente, Jaime Fernández explicou que “tan pronto lin o guión e vin algunhas escenas xa fun compoñendo todo para que encaixase perfectamente” O músico ourensán realizou unha BSO conformada por seis pezas que aparecen ao longo da película co engadido de dúas máis para a presentación. Estas pezas son: “Lembrando Ourense” e “Alén do Arenteiro” -ambas son centrais e evocan o protagonismo de Ourense no filme-, “Todo lo que soy”, “Amor”, “Salmo 23” e “Tan tan”, unha panxoliña que resulta ser transcendental na historia e que é unha canción orixinal composta pola cantautora cambadesa Paula Chaves, a actriz protagonista feminina da película.

“O que pretendía era que a película tivese un son propio, que a imaxe e a música fosen a mesma composición. É unha película que hai que ver e escoitar co corazón”, definiu Jaime Fernández.