Ocio e Turismo

Nova oferta de turismo activo e de natureza en Cabeza de Manzaneda

O complexo terá unha nova vida fóra da tempada de inverno cunha proposta sustentable que combina deporte e turismo e contribúe a posicionar Manzaneda como destino turístico

Óscar Gómez

Ourense | 07.06.2021 13:33

Nova oferta de turismo activo e de natureza en Cabeza de Manzaneda | onda cero

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na presentación das actividades que acollerá desde a próxima fin de semana a estación de montaña de Manzaneda para ofrecer este verán unha proposta alternativa de turismo activo e de natureza que axudará a desestacionalizar a oferta turística do complexo e atraer visitantes durante todo o ano e non só na tempada de neve na estación de esquí.

Ao acto tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, o tenente de alcalde de A Pobra de Trives, Miguel Sierra, e Albert Montaner, responsable de Artabria Turismo, a empresa que xestiona a estación de montaña.

Esta fin de semana incorporaranse outras actividades como unha tirolina xigante de 250 metros, un parque multiaventura, xogos tradicionais, cintas slackline, circuítos de orientación e tiro con arco. Para desfrutar das paisaxes e o entorno natural que ofrece Manzaneda tamén se poderá usar o telesilla turístico ou realizar rutas de sendeirismo e marcha nórdica. A curto prazo prevese que se sumen a esta oferta o paintball e rutas a cabalo. Tamén se poderá facer uso das instalacións deportivas como a piscina ou o pavillón deportivo ou desfrutar do circuíto termal no spa.

Alfonso Rueda incidiu en que estas actividades e as que se vaian incorporando permitirán promocionar e posicionar Manzaneda como destino turístico. Ademais, engadiu que esta proposta adaptase perfectamente ao novo modelo de turismo sustentable polo que aposta a Xunta, que se está a demandar cada vez máis no escenario postpandemia e no que Galicia parte con vantaxe. É dicir, espazos abertos e en contacto coa natureza e un turismo tranquilo. Neste caso, ofrécese a opción de combinar a práctica deportiva ao aire libre coa actividade turística e desfrutar da natureza, que é o primeiro motivo polo que os turistas escollen Galicia.

Por iso, o vicepresidente primeiro considera que iniciativas deste tipo que aposten polo turismo activo actuarán como reclamo para atraer visitantes e contribúen a afianzar Galicia como destino de natureza e deporte. A Xunta tamén traballa no reforzo de Galicia como destino seguro e de calidade e a comunidade está preparada para recibir a turistas e peregrinos neste Xacobeo 21-22. Nesta liña, o Goberno galego puxo en marcha medidas como o seguro coronavirus para recuperar a confianza dos viaxeiros e ofrecerlles un plus de tranquilidade ao ter os gastos cubertos en caso de que teñan que prolongar a súa estancia por un caso de infección por coronavirus ou corentena.