Nova edición do programa de actividades infantís Espazo Coeduca
As inscricións, de balde, serán no Centro de Información ás Mulleres, na rúa do Ensino 24, este mércores 15 e o xoves 16 en horario de 9.30 a 13.30 horas e de 16.00 a 19.30 horas por rigorosa orde de inscrición.
O Concello de Ourense volve cunha nova edición do programa de actividades de lecer infantil Espazo Coeduca, destinado a rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, e que se desenvolverá do 23 de decembro ao 5 de xaneiro en horario de 9:00 a 14:00 horas. Trátase dun programa de lecer infantil para axudar a conciliar desde unha perspectiva de xénero e igualitaria os tempos das familias, e está subvencionado polo Ministerio de Igualdade - Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Esta mañá foi presentado no salón de plenos do Concello de Ourense polo titular de Igualdade, Telmo Ucha, quen avanzou que o obxectivo desta actividade é o de “crear un espazo seguro que fomente a educación equitativa e igualitaria, en convivencia coa liberdade, promovendo un modelo socioeducativo onde non haxa cabida ningunha discriminación”. Tamén estivo presente Beatriz López, directora do CIMM, quen asegurou que o Coeduca “é un modelo no que se traballarán os valores de equidade, igualdade, solidariedade e convivencia, pero desde a perspectiva de xénero”.
As familias interesadas poderán inscribirse directamente no Centro de Información ás Mulleres (CIMM), na rúa do ensino 24, este mércores 15 e o xoves 16 de decembro en horario de 9.30 a 13.30 horas e de 16.00 a 19.30 horas. Será preciso achegar o nome e documentación das persoas solicitantes, das persoas que recollan as crianzas e, de ser preciso, o convenio regulador de custodia e visitas. Hai 25 prazas dispoñibles e estas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. Tamén está dispoñible o número de teléfono 623.169.421 para resolver calquera dúbida.
Sonia Fernández, responsable de AFOUTA -empresa que desenvolve o programa-, adianta que se fomentará o pensamento crítico e a socialización diferencial a través de ferramentas dixitais, coma un vídeo xogo feito ad hoc, pero tamén a través de xogos para traballar a socialización e o traballo en equipo, caso de gimkanas ou xogos de estratexia.
Espazo Coeduca
A Concellería de Igualdade conta desde 2012 co Espazo Coeduca, un lugar de referencia para desenvolver programas socio-educativos que permitan conciliar os tempos laborais, familiares e persoais das ourensás e os ourensáns. Na rúa do Ensino, número 2-4, conta cunha ampla sala dotada de xoguetes, películas, contos, libros e xogos educativos e material didáctico para nenas e nenos, coidadosamente seleccionados de cara a garantir un correcto tratamento non sexista dos seus contidos e usos.
Ofrécese un espazo que fomente a educación equitativa e igualitaria en liberdade e a convivencia coa diversidade, promovendo un modelo educativo onde non teña cabida ningún tipo de discriminación.