“Museos vivos de Galicia" un proxecto impulsado por varios grupos de desenvolvemento rural
Mediante unha plataforma intelixente de apertura e videoseguimento, mellórase e amplíase a accesibilidade dos visitantes a diferentes lugares de interese turístico e cultural.
“Museos Vivos de Galicia”, un proxecto de cooperación financiado pola Medida Leader e impulsado por varios grupos de desenvolvemento rural. O seu obxectivo, destacou a directora, pasa por facilitar ao público o acceso ao patrimonio local co fin de divulgar a cultura, as tradicións e os valores medioambientais do rural galego.
Así, este proxecto permitiu mellorar e ampliar a accesibilidade de centros de gran diversidade -de interpretación, museos, aulas de natureza etc.- para que poidan estar plenamente operativos e abertos aos visitantes. Concretamente, mediante unha plataforma intelixente de apertura e videoseguimento, os interesados poden coñecer diferentes lugares de interese turístico e cultural, permitindo así que se poida aproveitar mellor todo este patrimonio. De feito, para poder acceder a ditos lugares de interese, os visitantes deben rexistrarse no portal dixital da rede, indicando o día e hora que teñan previsto para a súa visita. Unha vez realizado ese paso, facilítaselles un código que lles permite entrar no local.
Neste senso, matizou a directora xeral, nesta rede de Museos Vivos de Galicia están o Centro de interpretación das Covas das Montañas do Courel (Folgoso do Courel), a aula da natureza Brañas de Valga (Mesía), a Basílica da Asunción (Allariz) e o Centro de interpretación do Río Sil en Torbeo (Ribas de Sil).
Con todo, salientou Inés Santé, a cooperación entre os diversos grupos de desenvolvemento rural destas zonas, tales como o GDR Ribeira Sacra – Courel, o GDR Comarca de Ordes e o GDR Limia-Arnoia, permitiron crear esta primeira rede a nivel autonómico. Ademais, esta colaboración traspasa fronteiras ao incluír outros lugares de interese ubicados na comunidade autónoma de Castela e León, promovidos tamén polos seus correspondentes grupos de acción local. De feito, no acto tamén estivo presente a directora xeral da Industria e a Cadea Agroalimentarias de Castela e León, María José González.
Axudas da Xunta para proxectos de cooperación
Precisamente, a directora xeral fixo fincapé nas axudas que cada ano convoca o seu departamento para financiar proxectos de cooperación -como o que hoxe se presentou-. Na última convocatoria 2022-2023 destinouse preto de un millón de euros para apoiar este tipo de iniciativas.
Así, o obxectivo destas axudas é que os 24 grupos de desenvolvemento rural colaboren entre si con proxectos que traspasan o seu ámbito territorial e incluso colaboren con asociacións do resto de España, da Unión Europea ou nos territorios de terceiros países, que teñan intereses comúns nun determinado ámbito, sempre relacionado co desenvolvemento local Leader e con vistas a favorecer a aprendizaxe mutua e buscar solucións comúns a problemas concretos.
Así, por exemplo, entidades diferentes territorios poderán agruparse para desenvolver iniciativas de promoción turística conxunta, de posta en valor dos seus recursos patrimoniais ou artesanais ou para fixar poboación en áreas con características de demográficas comúns, entre outros fins.