Abre no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a exposición colectiva “+OITO”, unha mostra que recolle o resultado da restauración de oito lenzos propiedade da Deputación de Ourense, con graves problemas de deterioro. O proceso durou máis de doce anos e que foi realizado pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que puxo en valor estas obras singulares, de gran valor artístico e patrimonial, algunha delas con máis de cen anos de historia.
Entre as pinturas recuperadas compre salientar dous retratos realizados por Román Navarro G. Vinuesa ao Bispo Cesáreo e a Juan XXIII, xunto cun retrato de José Calvo Sotelo, realizado por Jesús Soria. Ademais da exposición destes oito lenzos, algún deles de gran formato, a mostra conta coa proxección dun vídeo no que recolle parcialmente o estado orixinal dos cadros e o resultado conseguido despois do longo e laborioso proceso de restauración.
O vicepresidente da Deputación de Ourense César Fernández, quen visitou a mostra acompañado polo asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar e o director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, Francisco González, dixo que a recuperación destas pezas “é un exemplo de colaboración institucional, neste caso entre a Deputación de Ourense a través do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, dependente da Xunta de Galicia”.
A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 26 de setembro.