Natalidade

Mil familias beneficiáronse en 2021 das axudas á natalidade do programa ChegOU

Nun acto simbólico en Beariz, a deputada de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto, pechou o programa do pasado ano coa entrega da última das tarxetas á nai dunha bebé que naceu o 31 de decembro.

Desde a posta en marcha do programa, en 2016, a Deputación concedeu 7.799 axudas cun investimento total de 2,3 millóns de euros para subvencionar os gastos en produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde dos bebés.

Desde hoxe está aberto o prazo de presentación de solicitudes para as axudas de 2022.

Óscar Gómez

Ourense | 02.02.2022 08:15

Mil familias beneficiáronse en 2021 das axudas á natalidade do programa ChegOU | onda cero

Un total de 1.035 familias beneficiáronse en 2021 das axudas á natalidade que ofrece a Deputación de Ourense a través do programa ChegOU, que inclúe unha tarxeta con 300 ou 500 euros, segundo a clasificación de prioridade demográfica do concello de residencia da familia, para gastos relacionados con produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde do bebé. Nun acto simbólico celebrado no Concello de Beariz, a deputada de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto, acompañada polo alcalde, Manuel Prado, pechou o programa de 2021 coa entrega da última das tarxetas a Leticia Domínguez, nai dunha bebé que naceu o 31 de decembro.

Luz Doporto expresou a súa satisfacción “pola acollida dun programa que, precisamente hoxe, 1 de febreiro, abre o prazo de solicitudes para 2022”. Na Deputación de Ourense, asegurou, “imos seguir apostando por unha iniciativa de reto demográfico que desde a súa posta en marcha, en 2016, está a ter unha excelente acollida entre as familias, con 7.799 beneficiarios e 2,3 millóns de euros en axudas concedidas nestes seis anos de vixencia do plan”.

“A facilidade na tramitación da solicitude e maila axilidade na recepción da tarxeta son dous dos aspectos máis valorados polas familias”, apuntou a deputada, que explicou que o 81 % das peticións se realizaron a través da administración electrónica e as restantes de xeito presencial. Unha vez comprobados por parte dos técnicos o cumprimento dos requisitos, o expediente resolveuse nun prazo inferior a cinco días e os beneficiarios recibiron a súa tarxeta en dúas semanas. “Estes parámetros -lembrou Luz Doporto- axústanse aos compromisos adquiridos polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, que marcou entre os obxectivos a conseguir a menor carga administrativa posible e unha rápida resposta á cidadanía”.

O alcalde de Beariz, que agradeceu a iniciativa da Deputación, subliñou pola súa banda a importancia dun programa “que axuda á veciñanza que aposta por formar a súa familia nos nosos concellos, tres subvencións no caso de Beariz o pasado ano”.

Axudas por nacemento, adopción ou tutela

Cun orzamento total de 300.000 euros, as subvencións para o fomento da natalidade do programa ChegOU de 2022 xa poden solicitarse desde hoxe. As axudas, que xestiona a Área de Benestar da Deputación, están dirixidas a todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do presente ano teñan un fillo, adopten ou accedan á tutela de menores. As contías das subvencións corresponderanse coa clasificación dos concellos en cuxo rexistro civil se inscriba o menor, é dicir, 300 euros no caso dos concellos sen prioridade demográfica (grao 0) e para os municipios con prioridade de grao 1 e 2. As axudas serán de 500 euros para os concellos con prioridade de grao 3. As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de decembro de 2022, aínda que no caso de que o nacemento, a adopción ou tutela tiña lugar entre o 1 e o 31 de decembro de 2022, o prazo ampliarase ata o 15 de xaneiro de 2023.