O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome reuniuse co alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, para tratar diferentes proxectos que redundará nunha mellora das comunicacións entre os dous municipios. Por unha banda, Pérez Jácome anuncioulle que o Concello de Ourense licitará en breve as obras de mellora das comunicacións entre a cidade, na contorna do Auditorio, e o municipio veciño, a través de Montealegre. Unha obra que prestará servizo á veciñanza dos dous municipios.
Tamén lle avanzou que o prego do concurso que convocará o Concello para adxudicar a xestión do servizo de autobuses urbanos deixará aberta a posibilidade de que a Xunta de Galicia autorice prestar un servizo metropolitano. De ser así, Ourense e O Pereiro poderían mellorar as súas comunicacións ampliando as rutas do servizo municipal, de xeito os autobuses de Ourense cheguen até localizacións como A Derrasa, O Pereiro ou Complexo deportivo de Monterrei. Na xuntanza tamén participaron o tenente de alcalde, Armando Ojea e o concelleiro do Pereiro Francisco González.