Medio Rural avanza nos traballos de retirada de medeira queimada
O plan de alleamento de madeira comercial abrangueu máis de 6.200 hectáreas, cun volume global superior aos 930.000 m³ de madeira, acadando un prezo de adxudicación de case 13,5 millóns de euros.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou o concello de Monterrei, onde se están realizando actuacións de recollida de madeira naquelas zonas afectadas polos incendios forestais do pasado verán, como é o caso dos terreos da comunidade de montes veciñais en man común de Vences, que se atopan en xestión pública. Concretamente, e tal e como explicou a conselleira, neste municipio leváronse a cabo traballos nunha superficie de preto de 1.500 hectáreas, conseguindo retirar uns 74.000 metros cúbicos de madeira.
Cómpre destacar que, en números globais, este plan de alleamento de madeira comercial abrangue máis de 6.200 hectáreas, cun volume global superior aos 930.000 m³ de madeira, e acadou un prezo de adxudicación de case 13,5 millóns de euros. Este alleamento contribuíu á recuperación de valor dunha madeira que, de non ser mobilizada con celeridade, podería sufrir unha depreciación progresiva por efectos de pragas, fungos ou deterioración estrutural. Ademais, a posta no mercado deste volume favoreceu a actividade das empresas de aproveitamento forestal e da industria transformadora, dinamizando a economía local nun contexto de especial dificultade tras os incendios.
Outras accións de recuperación e restauración
A estas actuacións, a conselleira sumou outras realizadas pola Xunta para a recuperación de terreos queimados. Recordou, nesta liña, que se levaron a cabo tarefas de consolidación de solos e redución da escorrentía superficial coa técnica do acolchado con palla (mulching) en áreas prioritarias identificadas polo CSIC en Ourense e Lugo. Do mesmo xeito, acondicionáronse pistas forestais, fíxose limpeza de cunetas e instaláronse albarradas, entre outras cuestións. A isto destináronse case 1,6 millóns de euros.
A maiores, tramitáronse un total de 13 expedientes de restauración hidrolóxico-forestal por un importe de 9,5 millóns de euros, con especial atención ás zonas afectadas polos incendios da provincia de Ourense.
En relación coas oito liñas de achegas convocadas pola Consellería para paliar os danos nas explotacións gandeiras, agrícolas e forestais afectadas, María José Gómez salientou que xa se mobilizou un orzamento próximo aos 7,5 millóns de euros. Neste sentido ao abeiro da partida destinada especificamente para a retirada de madeira, tramitáronse un total de 111 expedientes de axudas que supuxeron a mobilización de algo máis de 2,2 millóns de euros.