Medio millón de euros para pemes ourensás: axudas da Deputación na crise do COVID-19
O goberno provincial tramitou ata o de agora “preto de 700 expedientes, cunha subvención de 760 euros para cada un
O presidente da Deputación de Ourense informou que o goberno provincial tramitou no 2020 un total de 691 subvencións para pemes da provincia de Ourense, desde que se puxera en marcha en plena primeira ola do COVID-19 esta liña de axudas de apoio fronte ás consecuencias económicas provocadas pola pandemia. Para elo, a Deputación destinou un total de 519.000 euros, e dos 691 expedientes foron tramitados na súa totalidade 683, quedando aínda pendentes de completar outros 8.
Baltar destaca que o goberno provincial aprobou desde a posta en marcha desta liña de apoio a pemes “preto de 700 expedientes cunha subvención para cada un deles de 760 euros, unha medidaque reflicte o apoio da Deputación á reactivación económica da nosa provincia na crise do COVID-19”, e engade que supón “unha importante medida dentro da estratexia de cooperación que vén impulsando desde o minuto un desta crise a Deputación de Ourense”, afirma Manuel Baltar, quen destaca que o goberno provincial uniuse á sociedade ourensá para colaborar e axudar a minimizar as consecuencias sanitarias, sociais e económicas do COVID-19”.
“É a primeira vez que a Deputación de Ourense pon en marcha axudas directas e específicas de emerxencia económica”, valora o presidente Baltar, “sendo, neste sentido, un dos gobernos provinciais pioneiros en España en desenvolver unha liña de subvencións para pemes, ás que se lle sumen outras a autónomos e comerciantes, “sectores prioritarios para o goberno provincial na estratexia de apoio á reactivación económica que levamos paralelamente en diversos ámbitos da actividade económica como son o: empresarial, social, do transporte, deportivo, cultural e turístico. Todo elo coa mínima burocracia para axilizar trámites”, destaca Baltar.