Manuel Pardo explicou que esta orde está dirixida a persoas traballadoras autónomas, profesionais dadas de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia, así como ás persoas mutualistas e ás sociedades de calquera clase.
Tamén concretou que esta iniciativa do Goberno galego conta con dúas liñas de actuación: a Liña 1, o Bono Remuda Rural, para concellos de menos de 10.000 habitantes; e a Liña 2, o Bono Remuda Xeral, para concellos de 10.000 habitantes ou máis. Nos dous casos subvenciónase o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda dun negocio ou actividade que estivese previamente inscrito na bolsa de remuda da Rede de Polos de Emprendemento. Para a Liña 1, esta achega é do 75% do prezo do contrato, mentres que para a 2 é do 70%.
O Bono Remuda está incluído nunha orde única para persoas autónomas, que abrangue cinco programas. Este ano inclúe novidades na medida de promoción do emprego autónomo (28,9 M€), ao ampliarse a dous anos a cobertura da cota cero aos traballadores que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría ou silvicultura, fronte aos 12 meses da liña xeral. A convocatoria contén tamén o Bono Nova Oportunidade (1,5 M€), para retornar ao autoemprego; o Bono Autónomo (8 M€), axudas a investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses activos; e incentivos á conciliación familiar (750.000 €).