‘Apuntámonos a non beber’

Manuel Pardo incide na prevención do consumo de alcohol

O programa de prevención do consumo do alcohol e das bebidas enerxéticas ‘Apuntámonos a non beber’ xa se desenvolveu no CPR Padre Feijóo Zorelle e CPR Santa Teresa de Jesús de Ourense; no IES Cosme López Rodríguez da Rúa; no IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia; no IES de Allariz; no CPR Divina Pastora do Barco de Valdeorras; no CPR María Inmaculada de Verín e no IES O Ribeiro.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Manuel Pardo incide na prevención do consumo de alcohol | Xunta de Galicia

O delegado territorial destacou que este programa forma parte do ‘Plan Proxecta+’, iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no que os centros escolares que decidan implementalo promoverán que cada aula participante elabore un traballo en equipo no que terán que entregar unha campaña de contrapublicidade do consumo de bebidas alcohólicas ou enerxéticas en soporte audiovisual, cartel ou slogan publicitario.

Ao longo do curso acollen charlas e intervencións de profesionais do ámbito sanitario dirixidas aos rapaces, ao profesorado e ás familias, coa finalidade de previr que os mozos e mozas destas idades tomen alcohol e atrasar o inicio do seu consumo.

Nestas sesións abordan cuestións como a definición de adición, as consecuencias de beber alcohol na saúde, os riscos que implica, as recomendacións da OMS, o problema social que supón, a lexislación vixente en Galicia arredor deste tema, os mitos que existen e o papel das familias á hora de inculcar hábitos de vida saudables.

Nesta liña, Manuel Pardo salientou que o persoal docente deberá participar no antedito programa asumindo o seu compromiso e implicación no seu desenvolvemento e na participación nas intervencións presenciais que se leven a cabo co alumnado e as familias.

O programa está deseñado para traballar na aula como un proxecto interdisciplinar e como tema transversal no Proxecto Educativo do Centro, integrado no espazo de Educación para a saúde durante todo o curso escolar. As actividades están distribuídas en dúas intervencións (1ª de novembro a xaneiro, 2ª de febreiro a maio) e serán implementadas polo persoal técnico do programa dos departamentos territoriais da Consellería de Sanidade.

Ademais, o alumnado cumprimentará un cuestionario inicial ao comezo do programa e outro á súa finalización. Por outra parte, ás familias ofrécenselles uns folletos informativos e unha enquisa ao inicio do programa, e o profesorado cumprimentará un cuestionario ao final do mesmo para poder efectuar unha avaliación global deste á súa finalización.

Centros Educativos de Ourense

O programa de prevención do consumo do alcohol e das bebidas enerxéticas ‘Apuntámonos a non beber’ xa se desenvolveu no CPR Padre Feijóo Zorelle e CPR Santa Teresa de Jesús de Ourense; no IES Cosme López Rodríguez da Rúa; no IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia; no IES de Allariz; no CPR Divina Pastora do Barco de Valdeorras; no CPR María Inmaculada de Verín e no IES O Ribeiro

A continuación levaranse a cabo o 14 de abril no CPR Luis Vives de Ourense e o 15 de abril no CPI José García García de Ourense.