Medio Ambiente

Manuel Pardo destaca o esforzo da Xunta pola conservación do seo patrimonio natural

O delegado territorial salientou a achega de 3.250 euros da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinada a sufragar diferentes tipos de intervencións para garantir a conservación do ‘Gran Castiñeiro de Surribas’.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Manuel Pardo destaca o esforzo da Xunta pola conservación do seo patrimonio natural | xunta de galicia

O delegado territorial salientou que con este tipo de achegas, a Xunta trata de facilitar a execución de actuacións de conservación, protección e mellora que garantan que se poida seguir desfrutando deste tipo de elementos a longo prazo. “Só a través do coñecemento e a protección do rico patrimonio natural de Galicia se pode difundir os seus valores co fin de xerar unha conciencia colectiva sobre a súa preservación”; lembrou o representante do Goberno galego.

Deste xeito, subliñou Manuel Pardo que todas as árbores e formacións merecedoras desta catalogación destacan pola súa singularidade e por presentar unha serie de características excepcionais desde o punto de vista histórico-cultural, paisaxístico, estético ou científico. Na actualidade, na provincia de Ourense, forman parte do Catálogo un total de 29 elementos — 23 exemplares e 6 formacións arbóreas—.

Entre as intervencións subvencionables a través desta orde de axudas autonómica —dirixida tanto a concellos ou agrupacións locais como a particulares e entidades propietarias dalgún destes elementos e coas que poden cubrir ata o 100% dos custos— inclúense podas, traballos de formación e control da copa; aplicación de tratamentos fitosanitarios; accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno; actuacións de divulgación e sinalización, e a realización de estudos específicos para contribuír ao seu coñecemento e posta en valor.

O castiñeiro

Este exemplar de Castanea sativa Mill, incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras en 2024 e situado no monte comunal de Surribas, ten unha altura de 15 metros, un perímetro de 4,9 metros e unha idade aproximada de 200 a 250 anos. Conta con 2 ramificacións principais cunha abertura central protexida con pedras e terra e, no seu conxunto, está cuberto cun gran tapiz de musgo, que fai deste un exemplar interesante desde o punto de vista estético ademais de representar un valioso legado e un gran valor natural.

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta pública e en constante actualización, xa que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

Nestes momentos, forman parte do Catálogo un total de 205 elementos repartidos por toda a Comunidade —157 exemplares e 48 formacións arbóreas— e pertencentes a 84 especies diferentes.